A Xunta acomete a vindeira semana traballos de roza e limpeza na estrada autonómica AC-432 ao seu paso polo municipio de Vimianzo

Retomaranse na provincia de Lugo as tarefas na vía de altas prestacións AG-64, en Vilalba e Xermade, continuando os xa iniciados na LU-862 no Vicedo e Viveiro, na LU-232 en Lugo e Friol, e na VAP CG-2.2, en Lugo e no Corgo

Proseguirán os labores nas áreas de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño, O Ribeiro, Baixa Limia, Valdeorras, Viana de Bolo, Caldelas e Trives

Continuarán as actuación nas zonas da provincia de Pontevedra no Condado-Paradanta e Vigo-Baixo Miño; na VAP C.G.-4.2 en Tomiño e na Guarda; e na PO-010, que une a circunvalación de Vigo VG-20 co polígono industrial de Balaídos

As actuacións céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2020

A Xunta ten previsto acometer na vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica AC-432, ao seu paso polo municipio coruñés de Vimianzo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Tamén, a longo da vindeira semana, se retomarán na provincia de Lugo os traballos de roza na vía de alta capacidade AG-64, en Vilalba e Xermade, continuando os iniciados na estrada LU-862, no Vicedo e Viveiro; na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo, e na estrada LU-232, en Lugo e Friol.

Proseguirán as actuacións en marcha nas estradas autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro; e nas zonas de Baixa Limia, Trives, Valdeorras e Viana de Bolo. Ao tempo, continuarán desenvolvéndose as tarefas iniciadas nas vías autonómicas das zonas de Caldelas e Trives.

Continuarán os traballos, ademais, en distintas vías autonómicas da provincia de Pontevedra, nas zonas do Condado-Paradanta e Vigo-Baixo Miño, así como na vía de alta capacidade C.G.- 4.2, en Tomiño e na Guarda. Tamén seguirán as actuacións na vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas