A Xunta constitúe a comisión interdepartamental da Ribeira Sacra, ferramenta clave na coordinación de actuacións e investimentos na súa candidatura a patrimonio mundial

Participan neste órgano sete consellerías da Xunta que, no seu conxunto, están investindo 34M€ neste territorio de Lugo e Ourense a través dun plan específico

A súa creación coincide coa conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Mundial e facilitará a chegada ao Comité da UNESCO coas máximas garantías

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia constituíu nos últimos días a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, coincidindo, precisamente, co Día Internacional do Patrimonio Mundial que se celebra mañá. Trátase dunha ferramenta clave na coordinación de actuacións e investimentos que permite ao Goberno galego continuar avanzando coas máximas garantías no desenvolvemento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, co obxectivo de que o territorio obteña este recoñecemento na 45ª sesión do Comité da UNESCO o vindeiro ano.

A nova comisión é un órgano de xestión transversal que reflicte o compromiso da Administración autonómica cos concellos da provincia de Lugo e Ourense que forman a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Concretamente, están implicadas nesta comisión sete consellerías que, no seu conxunto, están investindo 34M€ neste territorio a través dun plan específico. Así, participan neste órgano a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación; así como as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Infraestruturas e Mobilidade; Cultura, Educación e Universidade e Medio Rural.

Así mesmo, tamén están convidados a participar nesta ferramenta de xestión outros organismos e entidades locais presentes no territorio como concellos, consorcios, deputacións, asociacións e bispados, entre outros.

Un antes e un despois para a paisaxe cultural

A finalidade deste novo órgano, cuxa creación foi aprobada no Consello da Xunta, é coordinar a aplicación de políticas e accións integradas que redunden na mellora das condicións de apreciación e difusión dos valores da paisaxe cultural, facilitando a participación activa da sociedade e procurando o benestar das comunidades locais, especialmente das rurais, creadoras da paisaxe e garantes da súa conservación.

Así, a comisión, que suporá un antes e un despois para este territorio, presentará as iniciativas dos diferentes organismos e entidades representativas para unha xestión eficaz con garantías tendente á conservación dos seus valores como paisaxe cultural; fixará as estratexias, plans, políticas e accións da Xunta, e dará a coñecer os seus resultados; coordinará e fomentará as accións da Xunta, sen prexuízo do exercicio das competencias propias de cada departamento, e apoiará e impulsará as liñas de acción para a protección, conservación, investigación e difusión dos valores da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

Así mesmo, tamén serán funcións do devandito órgano habilitar as medidas necesarias para desenvolver e aplicar a normativa vixente en relación á Ribeira Sacra; elaborar propostas vinculadas coa situación e potencialidades da Ribeira Sacra como paisaxe cultural; realizar unha avaliación periódica da situación desta; e acometer calquera outra competencia e función relacionada co seu ámbito de actuación, así como as que lle encomende o Consello da Xunta e as que lle deleguen os órganos con competencia na materia.

Imaxes relacionadas