A Xunta pecha coa Fegamp o acordo para axudar aos concellos na tramitación de sancións relacionadas coa covid-19

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe en Pazos de Borbén que a Fegamp aceptou o convenio proposto pola Xunta para colaborar cos concellos medianos e pequenos nestas tarefas

A Administración autonómica estaría en condicións de comezar a tramitar expedientes este mes, logo de que se formalice o acordo e sempre que comece a chegar a documentación

Un importante número de concellos xa se interesaron por esta iniciativa

Pazos de Borbén (Pontevedra), 14 de novembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aceptou o convenio proposto pola Xunta para axudar aos concellos medianos e pequenos a tramitar as sancións relacionadas cos incumprimentos das medidas relacionadas co coronavirus que sexan da súa competencia.

Así o adiantou hoxe durante a súa visita ao concello de Pazos de Borbén, no que a Xunta colaborou en diversas actuacións, como a mellora da casa do concello e da biblioteca. En concreto, a Vicepresidencia primeira leva destinados a este concello máis de 222.000 euros en axudas desde 2009.

É precisamente nesta colaboración fluída entre administracións na que o vicepresidente primeiro inscribiu a iniciativa da Xunta para axudar aos concellos con menos recursos a tramitar os expedientes sancionadores.

A través deste novo convenio -ao que os concellos se poden adherir voluntariamente-, persoal empregado público da Administración autonómica encargarase de levar a cabo as actuacións auxiliares e de colaboración material, o que contribuiría a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa dos concellos.

De feito, a Xunta xa estaría en condicións de comezar a tramitar expedientes este mesmo mes, logo de que se formalice o acordo e sempre que comece a recibir a documentación necesaria por parte dos concellos.

Segundo recolle o convenio, a Xunta encargarase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores derivados da covid-19. O Goberno galego disporá de unidades tramitadoras base, supervisoras e de coordinación que se encargarán da elaboración material dos trámites en auxilio técnico dos instrutores dos procedementos designados polos concellos, que se encargarán da formalización dos actos de carácter xurídico.

Tanto as unidades tramitadoras como os concellos contarán cunha guía de tramitación, na que se recollerán todas as actuacións necesarias para que as unidades tramitadoras poidan completar os expedientes electrónicos de cada procedemento, antes de remitilos aos concellos para o seu arquivo.

Entre os trámites, o persoal da Xunta poderá encargarse de redactar os acordos de incoación; de realizar as notificacións destes acordos, coas que se achegarán as cartas de pagamento; ou de elaborar propostas de resolución nos casos nos que non se procedese ao pagamento ou cando haxa alegacións. Todo este apoio realizarase sempre baixo a supervisión do concello -nomeadamente, do instrutor-, que se deberá encargar da súa formalización, como a sinatura dos acordos de incoación ou das propostas de resolución. En definitiva, as unidades tramitadoras da Xunta encargaranse da redacción de documentos e os concellos da súa revisión e sinatura.

Imaxes relacionadas