A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presidiu hoxe a fase final da categoría de música

A Xunta galardoa o talento musical da mocidade galega na fase final de Xuventude Crea

Seis candidaturas das 26 iniciais chegan a esta última fase da especialidade de música

Cada un dos tres solistas e tres grupos interpretan dous temas propios

Santiago de Compostela, 14 de novembro 2020

A Xunta de Galicia galardoa o talento musical da mocidade galega na fase final de Xuventude Crea. A terraza da Fundación SGAE, emprazada no parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela, é o escenario no que as seis candidaturas darán a coñecer as pezas musicais finalistas.

Nesta especialidade de Xuventude Crea presentáronse un total de 26 solicitudes nas que están involucrados 50 mozas e mozos entre grupos e solistas, o dobre que na edición do ano pasado. Finalmente, foron tres grupos e tres solistas os que chegaron á última fase.

Os solistas son: Amorodo (Arbo), cos temas Estilo amorodo e Quero; Sara Sístole (A Coruña(, con Lume e Deberíamos matarnos; e Burgas Vandal (A Coruña), cos temas Inimigo e Te echo de menos. Os grupos son: Battosai (Ames), cos temas Cuánto tiempo e Deixa xa de molestar; Mundo prestigio (Vigo), con Mundo nuno e Quen quere falar; e Panic Light (Vigo), coas pezas As que nunca calaron e Burn it higher.

O primeiro premio gañará unha dotación de 3000 euros, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Catorce categorías

O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Fotografía e Artes Plásticas, o certame premia as mellores creacións noutras 12 disciplinas: Teatro, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música, Novela Curta, Poesía e Videocreación.

Na categoría de Graffiti chegaron a final dez creadores que realizaron en directo as súas propostas. O primeiro premio foi para Javier Caamaño Pérez (A Coruña) pola obra titulada O Raposo; o segundo premio recaeu en Adrián Lomba Balea (Vigo) coa proposta Estilo en continua construcción; e en terceiro lugar quedou Daniel Fernández Vargas (Baiona) coa creación Entusiasmo luminoso. Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra a Fernanda Rodríguez Miguélez (A Coruña) pola obra Escornabois.

No apartado de Artes Plásticas o primeiro premio foi para Adriana Brantuas Arijón, coa escultura A memoria do baleiro (Santiago de Compostela); o segundo recaeu en María del Mar Ramón Soriano pola súa peza escultórica titulada Desnudo, juego de bolos (Ourense); e o terceiro premio resultou compartido entre Sara Piñeiro Fernández, coa pintura Pandermia —serie magma, simulacións do corpo ubicuo— (Lalín) e María López Quiroga pola obra pictórica Atlas de xeografía cognitiva (Lugo).

Na especialidade de Fotografía, os premiados foron: Helena Lafuente González, gañadora do certame coa obra O pasado esquecido (Bergondo); o segundo premio foi compartido por Cecilia López Prego con Nihil timeo (Oleiros) e Eva Antelo Mata coa instantánea Contratempo. Canción triste do nunca habilitado nº2 (Santa Comba); e terceiro premio tamén outorgouse compartido entre Adrián Vázquez Rodríguez coa proposta titulada A outra festa (Lugo) e Olaya Rodríguez Pérez pola fotografía A sombra da utopía (Verín).

Xa se coñecen tamén os gañadores na categoría de Teatro, que foron os grupos Palimoquiños e Cía de Lugo (primeiro premio); Loghengrin Teatro de Vigo (segundo clasificado) e Farándula Velutina de Corcubión (terceiro premio).

Imaxes relacionadas