O presidente da Xunta visitou hoxe as obras de restauración da catedral de Santiago

Feijóo salienta o feito histórico de 'reinaugurar' a Catedral, en todo o seu esplendor, 800 anos despois da súa construción

Destaca que o templo estará listo para abrir a Porta Santa e iniciar o Xacobeo 2021 tras unha das maiores actuacións realizadas nun Patrimonio Mundial

Pon en valor o labor conxunto da Fundación Catedral, do Cabido de Santiago, do Concello e da Xunta, “un éxito de xestión e un éxito técnico”

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2020

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o feito histórico que supón reinaugurar a Catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción. ”É algo inaudito”, dixo, ao tempo que explicou que o templo terá que pechar para volver a abrir en todo o seu esplendor.

Fíxoo durante a visita ás obras de restauración da Catedral, que encaran a súa recta final coa retirada das estadas do interior para abrir a Porta Santa e iniciar o Xacobeo 2021 o próximo mes, e na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

O presidente da Xunta salientou as tarefas desenvoltas nestes anos, unha das maiores actuacións realizadas recentemente nun ben declarado Patrimonio Mundial pola Unesco. Así mesmo, puxo en valor o labor conxunto da Fundación Catedral, do Cabido de Santiago, do Concello e da Xunta, “un éxito de xestión e un éxito técnico”. “Todos aqueles que axudaron a que a Catedral recobrara o seu esplendor xa forman parte da historia de Galicia”, abundou.

Tamén recordou que os traballos se intensificaron a partir de 2015, grazas a un convenio co Goberno do Estado e ao investimento público achegado polas administracións central e autonómica.

O titular da Xunta lembrou finalmente a celebración do Día do Patrimonio Mundial o próximo luns, unha ocasión para presumir de España como o terceiro país do mundo con máis bens declarados Patrimonio Mundial pola Unesco.

Na nosa Comunidade contan con este recoñecemento a Cidade Vella de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Ademais, agárdase que o vindeiro ano se logre a declaración da Ribeira Sacra e trabállase en dúas candidaturas máis, xa inscritas na Lista Indicativa da Unesco: Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración.

Imaxes relacionadas