A Xunta impulsa en Buño a formación das redeiras galegas no marco do proxecto Enredadas

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitaron o curso ‘Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos’ que remata esta fin de semana

O 21 de novembro comeza o ‘Curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración’, que impartirá a deseñadora Raquel Sousa tamén nesta localidade coruñesa e para o que xa está aberto o prazo de inscrición
 

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 14 de novembro de 2020

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Buño (Malpica de Bergantiños) o curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos que se celebra desde finais de outubro e finaliza esta fin de semana. A iniciativa forma parte do proxecto Enredadas, a través do cal a Xunta impulsa a formación do colectivo de redeiras galegas co obxectivo de diversificar o seu oficio tradicional.

Esta iniciativa de formación estalle a permitir a 12 redeiras artesás, que desenvolven a súa actividade nos portos de Cariño, Corme e Malpica, iniciar unha nova aprendizaxe da man da deseñadora de moda Rosalía Castro. A partir das técnicas do seu oficio están a coñecer o proceso creativo na moda, así como aprender a experimentar con novos materiais e técnicas co obxectivo de crear coleccións de produtos e de complementos de moda para a súa comercialización.

Tamén no marco de Enredadas, no que colaboran a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería do Mar, estase a desenvolver o curso online Xestión básica da actividade comercial. Análise de produción e prezos de venda, deseñado co obxectivo de servir de ferramenta para que as redeiras desenvolvan precisamente esa parte da súa actividade que está enfocada a outros ámbitos. O curso, que remata o 25 de novembro, está impartido polos consultores Pablo López, Tania Aira e Adriana Hermida, da empresa Implicatum.

Inscricións abertas

Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia abre o prazo de inscrición no último dos cursos formativos dirixidos ao colectivo das redeiras para o ano 2020. Trátase do Curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración que se desenvolverá os días 21, 22, 28, 29 de novembro e o 5, 11 e 12 de decembro. Como no caso anterior, cóntase coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños para o uso das instalacións do Centro de Artesanía e Tradición de Buño. As inscricións para este curso están abertas xa na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia (artesaniadegalicia.xunta.gal).

Da man da deseñadora Raquel Sousa, as redeiras aprenderán a empregar as técnicas do seu oficio para crear novos produtos vinculados ao fogar, un sector no que a artesanía se atopa en claro crecemento.

Enredadas constitúe un exemplo de diversificación do oficio tradicional das redeiras en Galicia, que está a abrir novas oportunidades de negocio para estas artesás a través doutros ámbitos como a moda, os complementos ou a decoración. Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.