Acordo entre Xunta e CIG sobre o réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega

Galicia será a primeira comunidade en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada recentemente polo Goberno central

O acordo terá unha vixencia de tres anos

Recoñece o dereito á desconexión dixital e prioriza ás vítimas de violencia de xénero, mulleres embarazadas, persoas con discapacidade ou persoas que precisen conciliar a vida familiar e persoal

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG) veñen de acadar na Comisión de Persoal celebrada hoxe, o acordo sobre a implantación do novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración galega.

Este acordo que será asinado nos vindeiros días e terá unha vixencia de tres anos, converte a Galicia na primeira comunidade en adaptarse á normativa de reforma do teletraballo aprobada polo Goberno central en setembro.

A nova normativa ten como obxectivo regular as condicións e o procedemento para autorizar a prestación dos servizos na modalidade do teletraballo ao persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Considérase teletraballo á modalidade de prestación de servizos a distancia na que o contido competencial e funcional do posto de traballo pode desenvolverse –sempre que as necesidades do servizo o permitan- fóra das dependencias da Administración mediante o uso das tecnoloxías da información e comunicación.

Esta modalidade será voluntaria e reversible tanto para o empregado público que o solicite como para a Administración. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización. En todo caso, as unidades administrativas contarán –con carácter xeral- cunha presenza diaria mínima obrigatoria do 40% dos seus efectivos e a xornada de traballo diaria non poderá fraccionarse para ser prestada nas dúas modalidades (presencial e a distancia).

O teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias –ordinaria, flexible ou especial- permitidas. Os días nos que se desenvolva a modalidade de teletraballo, o horario de referencia para as persoas que o teñan autorizado será, con carácter xeral, o comprendido entre as 9,00h e as 14,30h. Ademais, o acordo recoñece expresamente o dereito á desconexión dixital dos empregados públicos.

Prioridade

Terán prioridade para acollerse a esta modalidade as vítimas de violencia de xénero, mulleres embarazadas, persoas con discapacidade, maiores de 60 anos, aquelas que teñan necesidade de conciliación da vida familiar e persoal e as persoas que teñan un maior tempo e distancia de desprazamento do domicilio ao lugar de traballo.

Requisitos

Para que unha unidade administrativa poida autorizar a prestación de servizos a través da modalidade de teletraballo debe poder implantarse un sistema de xestión do traballo por obxectivos ou un sistema medible de asignación de tarefas.

Ademais, aquel empregado público que solicite traballar a distancia deberá elaborar un plan individual de teletraballo no que se recollerán os obxectivos, o calendario, os indicadores para medir o seu grao de cumprimento e os horarios.

Medios tecnolóxicos

A Administración facilitará por primeira vez os medios técnicos para desempeñar o posto na modalidade de teletraballo. Facilitarase ao empregado público un ordenador para o seu uso nas xornadas de traballo; ferramentas ofimáticas; acceso ás aplicacións informáticas da Comunidade e ás do órgano de adscrición do posto; conexión cos sistemas informáticos da Administración autonómica; e os sistemas de sinatura electrónica.

En todo caso, esta modalidade a distancia non poderá aplicarse naqueles postos cunhas funcións que esixan necesariamente a prestación de servizos presenciais, é dicir, aqueles nos que a súa prestación efectiva só quede plenamente garantida coa presenza física do empregado público. Isto é, postos en oficinas de rexistro e atención e información á cidadanía; postos de persoal condutor e de persoal subalterno; postos técnicos ou administrativos de unidades con atención 24 horas como o persoal de emerxencias ou prevención de incendios; postos que desenvolvan a súa xornada laboral fóra das dependencias administrativas; secretarías de altos cargos ou aqueles postos que impliquen o manexo de información e acceso a datos non dixitalizados.

Imaxes relacionadas