O presidente da Xunta reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

Feijóo constata os avances na rexeneración do Barrio da Residencia de Lugo para dotar á cidade do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia e da nova residencia de maiores

Precisa que as obras do Centro Integral de Saúde están en plena execución, co obxectivo de que estean rematadas na primavera de 2022

“E estamos tamén a piques de obter licencia para, xunto co apoio da Fundación Amancio Ortega, construír a nova residencia de maiores que contará cun investimento de 12 millóns de euros e 120 prazas”, di

Cun investimento total de 30 millóns de euros, afirma que a rexeneración deste barrio representa o paradigma de investimentos e de compromisos sociais, sanitarios e empresariais que a Xunta ten con Lugo

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe os avances das obras de rexeneración do Barrio da Residencia en Lugo, para dotar á cidade, entre outros servizos, do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia e da nova residencia de maiores.

Durante unha xuntanza esta mañá coa alcaldesa Lara Méndez, Feijóo salientou que as obras do Centro Integral de Saúde están en plena execución, co obxectivo de rematalas na primavera de 2022. “As obras marchan con normalidade”, confirmou, subliñando que, cun investimento de máis de 11,5 millóns de euros, construiranse en seis plantas: un centro de saúde, un punto de atención continuada, un servizo de saúde mental e a base do 061.

“E estamos tamén a piques de obter licencia para, xunto co apoio da Fundación Amancio Ortega, construír a nova residencia de maiores que contará cun investimento de 12 millóns de euros e 120 prazas”, engadiu.

Este proxecto dotará ademais á cidade dunha oficina de formación e emprego, que está en execución desde xullo, coa previsión de que estea rematada no vindeiro ano 2021; dunha central de biomasa; e dun centro de emprendemento aeronáutico.

“En definitiva, estamos a falar dun investimento de 30 millóns de euros no Barrio da Residencia, que representan o paradigma de investimentos e de compromisos sociais, sanitarios e empresariais que a Xunta ten con Lugo”, abundou.

Ao longo da reunión, Feijóo incidiu na vontade continuada por mellorar a sanidade pública da cidade e ofrecer máis e mellores servizos. Ao respecto, recordou que no Hospital Público Lucus Augusti, este mesmo ano, modernizouse a resonancia magnética; conta cunha nova sala de electrofisioloxía cardíaca, cunha nova área de tratamento e rehabilitación cardíaca e melloráronse, ademais, o circuíto de urxencias e as unidades de críticos. Así mesmo, valorou a disposición do Concello para xuntos loitar contra a covid e axudar, tamén, ao tecido produtivo.

Sobre o Auditorio, resaltou que, logo dun investimento de máis de 24,5 millóns de euros, o edificio foi entregado xa ao Concello. E, no tocante á VAP Nadela-Sarria, salientou o comezo das obras da primeira fase da conversión en autovía, subliñando que esta actuación contará cun orzamento de 24,6 millóns de euros e un período de execución de preto de 20 meses.

O responsable do Goberno galego garantiu, tamén, o compromiso coa rolda leste, precisando que no presuposto do ano 2021 incluirase a dotación para licitar o proxecto construtivo do segundo tramo, “que consistirá nun anel perimetral que conecta o hospital e circunvala toda a cidade”, explicou.

Feijóo expresou ademais o convencemento de que se chegará a un acordo para levar a cabo a intermodal. “Nós, neste momento, estamos facendo o proxecto construtivo da estación de autobuses que se incorporará e acoplará á estación de ferrocarril, conformando a estación intermodal de Lugo. E tamén nos comprometemos a mellorar os lugares da cidade que quedarán baleiros como consecuencia do traslado da estación de autobuses”, reiterou.

No tocante á liña de ferrocarril Ourense-Lugo, incidiu en que Lugo non pode quedar descolgada da alta velocidade e garantiu o compromiso para intentar que o Goberno central priorice este investimento ferroviario, “xa que estamos a falar dun investimento clave para a cidade e clave para a vertebración de Galicia nesta materia”.

No eido educativo, confirmou que, cun investimento que ascende a 8 millóns de euros: están en execución os traballos para o novo CEIP Sagrado Corazón; están adxudicadas as ampliacións do IES Sanxillao e do IES Muralla Romana; están iniciadas as obras de ampliación dos talleres do IES Politécnico; e está adxudicada a renovación da soleira do pavillón compartido e acondicionamento dos vestiarios do IES Lucus Augusti e do IES Ollos Grandes.

Sobre o Barrio da Tinería, asegurou que a Xunta seguirá apostando pola súa rehabilitación: “Imos seguir adquirindo inmobles e, neste momento, está licitada a rehabilitación da Casa da Torre e está previsto licitar o ano que vén a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca”, dixo.

En materia industrial e en relación á ampliación do Polígono das Gándaras, precisou que a segunda fase das obras está xa en execución e comprometeuse a levar a cabo a terceira fase.

Por outra banda, sobre o PXOM, o presidente autonómico recordou que queda un 5% de territorio por actualizar e trasladou a necesidade de finalizar o totalidade do plan xeral, ofrecendo a plena disposición da Xunta.

Por último, Feijóo aproveitou a xuntanza para abordar o estado doutras infraestruturas que dependen do Goberno central, como a autovía Lugo-Santiago, lamentado que non estará rematada para o Xacobeo 2021.

Imaxes relacionadas