A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que a solicitude de financiamento xa foi trasladada pola Xunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica

A Xunta propón que as obras de ampliación e modernización da ETAP do Casal, en Vigo, se financien co fondo de reconstrución europeo Next Generation como a depuradora de Santiago

Ethel Vázquez lembra que a necesidade de actuar na estación de tratamento de auga potable de Vigo está identificada como unha actuación imprescindible desde hai máis de 10 anos

A gravidade das deficiencias da ETAP do Casal quedou evidenciada no episodio de seca de 2017, cando o encoro de Eiras estaba case ao 40% da súa capacidade e a planta era incapaz de garantir a calidade da auga

O estudo de alternativas, contratado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao sur de Pontevedra sinala como principal problema do sistema as deficiencias da ETAP do Casal

O Goberno galego vén demandando que o abastecemento a Vigo se declare de Interese Xeral do Estado, unha categoría que xa ten a depuradora de Santiago

A Xunta sinala que o Concello de Vigo cobra taxas a toda a poboación servida polo seu sistema de abastecemento de auga e lémbralle que o seu deber é investir a recadación no bo funcionamento das infraestruturas

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A Xunta propón que as obras necesarias de modernización e ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do Casal, no concello de Vigo, sexa financiadas con cargo ao fondo de recostrución europeo ‘Next Generation’ ao igual que o Goberno de España prevé facer coa nova depuradora de Santiago.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu hoxe un escrito ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que lle informa de que a Xunta xa deu traslado desta solicitude ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Vázquez lembra que a necesidade de actuar na estación potabilizadora de Vigo está identificada como unha actuación imprescindible desde hai máis de 10 anos e, mesmo lembra que o propio Concello de Vigo licitou xa no ano 2006 o contrato para a redacción do proxecto de melloras na ETAP do Casal.

A gravidade das deficiencias de funcionamento da estación de tratamento de auga potable quedou plenamente evidenciada no episodio de seca rexistrado en Vigo no ano 2017. Naquel entón, o encoro de Eiras estaba case ao 40% da súa capacidade e, sen embargo, a planta era incapaz de garantir a calidade da auga.

En todo este tempo, a Xunta requiriu de forma reiterada ao Concello de Vigo que impulsase as obras de mellora na potabilizadora. A ese respecto, Ethel Vázquez lembra que o Concello de Vigo é titular dun sistema de abastecemento de auga que cobra taxas a toda a poboación servida e que o seu deber é investir a recadación en garantir o correcto funcionamento das infraestruturas.

Doutra banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fai referencia no seu escrito ao acordo subscrito no ano 2019 entre a Xunta, o Concello e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para estudar as alternativas que permitan garantir o abastecemento de auga potable a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra. O estudo foi contratado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo dependente do Ministerio.

Tal e como se vén poñendo de manifesto nas xuntanzas de seguimento dese acordo, o estudo está a acreditar, novamente, que o principal problema do sistema de abastecemento de auga a Vigo é a incapacidade da ETAP do Casal para darlle un tratamento axeitado á auga procedente do encoro de Eiras cano o nivel deste baixa dunha determinada cota. Na práctica, isto supón que a capacidade da presa se ve reducida ao 63% do seu volume total, o que representa unha perda moi significativa e recursos hídricos.

No escrito, Ethel Vázquez destaca que a Xunta concede unha grande importancia ao abastecemento de auga a Vigo, motivo polo que xa demandou en varias ocasións que sexa declarado de Interese Xeral do Estado, unha categoría que xa ten a depuradora de Santiago de Compostela.

Tendo en conta isto, a Xunta aposta por que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico inclúa as obras da potabilizadora de Vigo entre os proxectos que prevé financiar con cargo ao fondo de reconstrución europeo, Next Generation, tal e como fixo xa coa nova depuradora de Santiago.