O Comité Educativo analizou hoxe esta proposta

A Xunta mellorará a atención domiciliaria ao alumnado a través dun equipo virtual integrado por docentes

Contribuirán a reforzar o papel do profesorado asignado a estes labores

Trátase de mellorar e adaptar ás actuais circunstancias o proceso de seguimento do alumnado nesta situación

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia mellorará a atención domiciliaria do alumnado coa creación dun Equipo Virtual de Atención, conformado por docentes que empregarán para esta tarefa as aulas virtuais e as ferramentas dispoñibles. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou esta proposta no Comité Educativo, onde explicou que o obxectivo é ofrecer un recurso efectivo desde o punto de vista docente, pedagóxico e metodolóxico.

Esta medida aplicarase ao alumnado que, por padecer unha determinada patoloxía ou por calquera outro motivo, sempre xustificado desde o punto de vista médico, non poida acudir a clase durante un período prolongado e se atope en esta situación de atención domiciliaria.

O Comité analizou a proposta, que agora será desenvolvida e concretada co apoio dos membros do propio Comité para a posterior elaboración dunha resolución que faga realidade este recurso de apoio.

Adaptación e mellora

Trátase, polo tanto, de adaptar e mellorar o proceso de seguimento do alumnado en atención domiciliaria aos tempos e necesidades actuais, tendo en conta as especificidades impostas pola pandemia, abrindo unha canle constante de apoio, motivación e avaliación dos estudantes que se atopen nesta situación.

O Equipo Virtual de Atención contará tanto con mestres, para atender ao alumnado de Primaria, como por profesores de ámbito das especialidades de Secundaria para os estudantes destas etapas.

Este recurso estará dispoñible só para o alumnado que teña aprobada pola Inspección Educativa a solicitude de atención domiciliaria. Cómpre lembrar que, tras o visto e prace do Comité Educativo, a Consellería está traballando na creación de comisións provinciais de seguimento do absentismo escolar que dean apoio aos centros educativos nos casos derivados do contexto covid, e que sirvan para reforzar a atención diante das variables casuísticas ao contexto da pandemia, coa finalidade de garantir os dereitos do alumno e o dereito á educación.

Imaxes relacionadas