A conselleira do Mar participou na presentación por videoconferencia do libro ‘Análise xurídica do traballo da muller na pesca’

Rosa Quintana enxalza as accións que visibilizan o papel vital das máis de 20.000 mulleres vencelladas ao sector marítimo-pesqueiro de Galicia

A titular de Mar explicou que a obra ‘Análise xurídica do traballo da muller na pesca’ serve de orientación na consecución dunhas condicións laborais e dun marco normativo máis xusto, igualitario e equitativo

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o papel clave das mulleres no desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro e sinalou que a Xunta leva máis de 25 anos traballando polo recoñecemento dos seus dereitos e a súa profesionalización. Nesta liña subliñou o valor de impulsar accións que favorezan a visibilización do traballo das máis de 20.000 mulleres que desempeñan labores no ámbito marítimo-pesqueiro de Galicia.

Un exemplo destas accións, sinalou Rosa Quintana, é o libro Análise xurídica do traballo da muller na pesca, de Nora Martínez e Emma Rodríguez, que hoxe se presenta. Esta obra, explicou, “orientaranos na consecución dunhas condicións laborais e dun marco normativo máis xusto, igualitario e equitativo”. Tamén “servirá de guía para esa xeración máis demandante de formación para que coñeza a realidade socioeconómica da muller no sector e para que contribúa xa desde as aulas a empoderar o seu papel”.

Neste sentido, a titular de Mar valorou a importancia clave da formación como “único pasaporte para o futuro” e para afrontar os retos como a remuda xeracional, a adopción de medidas que garantan a igualdade no eido laboral e o impulso da cualificación e capacitación profesional como as habilidades sociais e directivas ou as aptitudes empresariais ou tecnolóxicas.

Todos isto, expuxo a conselleira, son “retos que temos por diante” e que se reflicten na Política Pesqueira Común, que ten como obxectivo transversal o recoñecemento da aportación feminina ao seu desenvolvemento sustentable e á consecución dunha igualdade real.

Por último a titular de Mar, que na presentación telemática do libro estivo acompañada polas autoras e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, agradeceu a Nora e a Emma o seu labor de difusión do rol feminino no eido marítimo-pesqueiro, a todas as mulleres que participan neste proxecto e a todas as profesionais que dan vida ao sector.

‘Análise xurídica do traballo da muller na pesca’

A obra Análise xurídica do traballo da muller na pesca nace dunha xornada celebrada no outono do 2019, organizada polas profesoras da Universidade de Vigo, Nora Martínez e Emma Rodríguez. A xornada comprendeu dúas sesións de traballo nas que se abordaron a perspectiva xeral sobre os obstáculos á igualdade de oportunidades no sector primario e os problemas xurídicos arredor do traballo da muller na pesca en Galicia e unha mesa redonda na que as propias traballadoras do sector presentaron as súas reivindicacións.

A obra analiza aspectos relacionados co empoderamento das mulleres na comunidade marítima, as mulleres na pesca á luz dos convenios internacionais de dereitos humanos e as políticas públicas de fomento da igualdade feminina na pesca. Tamén aborda cuestións relacionadas co acceso ao emprego e as condicións de traballo, os riscos laborais e a protección por maternidade das traballadoras da pesca, o asociacionismo como motor para a igualdade e boas prácticas para derrubar as barreiras de xénero na pesca, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas