O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, acompañado polo secretario xeral de Cultura, visitou hoxe a libraría Aenea en Santiago

Román Rodríguez anima a aproveitar o Día das Librarías para seguir impulsando a reactivación do sector do libro

Salienta o papel que xogan estes profesionais e os seus negocios na divulgación da cultura e o coñecemento como de “nexo de unión entre o público e os creadores”

O Goberno autonómico inviste este ano máis de 2,3M€ para axudar a esta industria, fomentar a lectura e apoiar ás bibliotecas

Todas as medidas están enmarcadas no Plan de reactivación para o sector cultural que, no seu conxunto, conta cunha achega de máis de 26M€

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sumouse hoxe á conmemoración do Día das Librarías organizada pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros coa visita a Aenea, desde onde animou á cidadanía a aproveitar esta efeméride para seguir impulsando a reactivación do sector do libro.

Durante a súa visita, Román Rodríguez salientou a “fonte de riqueza e de orgullo” que supón o sector do libro e agradeceu “o tremendo esforzo, imaxinación e sacrificio” que están a facer todas as librarías por ofrecer actividades de calidade e que sexan seguras para todo o mundo. Neste sentido, o conselleiro lembrou que a Xunta de Galicia vén de resolver unha liña de axudas para que estas poidan sufragar as actividades que veñen realizando de xeito presencial nos seus establecementos, así como actos de difusión dos libros e a lectura a través da súas páxinas webs ou redes sociais.

O conselleiro destacou a importancia de apoiar ás librarías, establecementos de especial relevancia para a divulgación da cultura que funcionan, tal como resaltou, “como nexos de unión entre o público e os creadores”. Do mesmo xeito, engadiu, que se trata de escaparates fundamentais para espallar o coñecemento e poñer en valor o bo traballo que fan os autores galegos.

Neste sentido, Román Rodríguez lembrou que os recentes premios que recibiron os escritores galegos “poñen de manifesto o bo momento que están a vivir as nosas letras”. Como exemplo, lembrou o Premio Nacional á Obra dun Tradutor entregado esta semana a Xavier Senín, ou os Premios Nacional de Poesía ou o Premio Nacional de Poesía Joven, que o pasado mes recoñeceron a Olga Novo e Alba Cid, respectivamente.

Numerosas axudas xa en marcha

Estas axudas súmanse ás medidas postas en marcha no Plan de reactivación para o sector cultural que, no seu conxunto, conta cunha achega de máis de 26M€. Concretamente, o plan establece liñas de axuda que se se centran no sector do libro, no fomento da lectura e no apoio ás bibliotecas públicas que, no seu conxunto, buscan acompañar todo o proceso de creación e o acceso á cidadanía mediante un investimento de máis de 2,3M€.

As medidas van desde o impulso á produción, tradución e edición de libros en editoriais galegas ata asegurar o mantemento do ciclo editorial e a difusión de obras publicadas na nosa Comunidade. Ademais, o Goberno galego tamén facilita a continuidade das feiras de libro, a posta en marcha de plans de dinamización da lectura como Ler Conta Moito, a ampliación dos fondos da plataforma de préstamo electrónico GaliciaLe, a tradución de obras do galego a outras linguas e viceversa ou a mellora das coleccións das bibliotecas e axencias de lectura municipais a través dunha liña de axudas, dotada con 850.000 euros, da que este ano se benefician preto de 200 concellos e cuxo prazo de execución vén de ser ampliado ata o 26 de novembro.

Imaxes relacionadas