A Xunta inicia as obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, cun investimento de 3,9 millóns de euros

As obras comezan coa escavación dunha parcela anexa á depuradora onde se executarán parte das novas instalacións, realizándose as demais na propia EDAR

A medida que se executen as actuacións iranse poñendo en funcionamento para garantir o servizo de saneamento aos veciños durante a execución do proxecto

O obxectivo dos traballos, cun prazo de execución de 18 meses, é mellorar a depuración das augas residuais do municipio, incorporando cunha nova conexión as da rede de Celeiro

A actuación aumentará nun 50% a capacidade de depuración da planta, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar obras de ampliación e mellora da depuradora de Viveiro, licitadas por un importe de 3,9 millóns de euros.


Esta actuación, que dispón dun prazo de execución de 18 meses, ten como obxectivo ampliar a capacidade e mellorar o grao de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as do núcleo de Celeiro.


Os traballos estanse a centrar estes días na roza e escavación dunha parcela anexa á EDAR onde se executarán parte das novas instalacións, como o reactor biolóxico. As restantes obras de mellora desenvolveranse na propia depuradora.


A medida que se executen as distintas actuacións iranse poñendo en servizo coa fin de garantir estas prestacións de saneamento aos veciños durante a execución do proxecto.


Esta optimización permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión as procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora.


A actuación, estratéxica para Viveiro e a súa ría, incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas dúas décadas.


A ampliación da capacidade e mellora do funcionamento da EDAR de Viveiro contribuirá a obter unha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro.


A esta intervención súmase o proxecto de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR de Viveiro, que incluirá a execución do novo emisario e retirada do antigo, novo tanque de tormentas e mellora da capacidade de bombeo de Celeiro.


O Executivo autonómico está a impulsar estes proxectos hidráulicos para axudar ao Concello nas súas competencias municipais e conseguir que Viveiro e Celeiro poidan depurar as súas augas residuais conforme ás normativas vixentes.
 

Imaxes relacionadas