A Xunta e a Universidade de Vigo inician o proceso participativo para elaborar a futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais

Hoxe tivo lugar a primeira xuntanza ao abeiro do convenio asinado entre as dúas partes, coa intervención de representantes da Consellería do Medio Rural, do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e de membros do Consello Forestal

Tras analizar a repartición competencial entre administracións, nos vindeiros meses celebraranse encontros sobre actuacións preventivas, limitacións de usos e extinción, coa idea de ter rematado o proceso participativo no primeiro semestre de 2021

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A Xunta e a Universidade de Vigo veñen de iniciar o proceso participativo para elaborar a futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais. O convenio asinado entre as dúas partes botou a andar hoxe coa primeira xuntanza, na que se analizou a repartición de competencias entre administracións no tocante á prevención e á extinción dos lumes, de cara á redacción da nova norma.

Para abordar a elaboración da futura Lei, decidiuse dividir o seu contido en catro bloques, que darán lugar a outras tantas reunións para avanzar na redacción da norma.
O proceso xestionarase a través dunha unidade mixta que está presidida polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e que conta co director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, como secretario.

Así, tras o encontro de hoxe sobre repartición competencial celebraranse outras tres xuntanzas para tratar as actuacións preventivas, as limitacións de usos e a extinción. Mostra do carácter participativo do proceso é que en cada unha delas intervirán nove representantes da Consellería do Medio Rural, 13 do Consello Forestal e outros 18 pertencentes ás asociacións profesionais e sindicatos conformados por persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Deste xeito, as 40 persoas integrantes de cada reunión procederán a avaliar a temática que lles corresponda en base a unha enquisa que se distribuirá entre un total de 203 persoas: 46 membros do Consello Forestal, 46 representantes da Consellería do Medio Rural e 111 integrantes dos sindicatos e asociacións profesionais. Coas conclusións de cada bloque tras avaliar os resultados dese total de catro enquisas, elaborarase un documento de peche que permitirá ir redactando a nova Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, con vistas a ter listo un texto articulado de consenso no primeiro semestre de 2021.