O conselleiro do Medio Rural supervisou os labores de helimulching desenvolvidos en Lobios e os de mulching manual, en Verín

A Xunta leva a cabo traballos de rexeneración en máis de 200 hectáreas afectadas polos lumes na provincia de Ourense para evitar a erosión do solo e recuperar o seu potencial forestal

Salientou que se está traballando para reverter os danos ocasionados en áreas de gran interese polo seu valor ecolóxico, paisaxístico e natural como son o Macizo Central ou o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Entre as distintas accións programadas, destacan os traballos de mulching manual e helimulching para crear unha cuberta protectora do solo e evitar a escorrentía superficial e a erosión
 

Lobios (Ourense), 13 de novembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, desprazouse esta mañá aos concellos de Lobios e Verín para coñecer de primeira man os traballos que se están realizando para recuperar de forma integral o ecosistema afectado polos incendios forestais do pasado mes de setembro. Neste senso, José González destacou que se está a actuar en algo máis de 200 hectáreas da provincia de Ourense, en distintas áreas dos municipios de Lobios e Verín, pero tamén de Monterrei, Cualedro, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Manzaneda.

Durante o seu percorrido -no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e por Cristina Fernández Filgueira, técnica do Centro de Investigación Forestal de Lourizán- o conselleiro salientou que a Xunta está traballando dende o primeiro momento para reverter os danos ocasionados en áreas de gran interese polo seu valor ecolóxico, paisaxístico e natural como son o Macizo Central ou o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

Máis de 200 hectáreas de actuación

José González explicou que das máis de 200 hectáreas a tratar, a meirande parte -máis de 82- sitúanse en Vilariño de Conso, para paliar os efectos do lume que se iniciara en setembro na parroquia de Sabuguido. Séguenlle as case 81 ha nas que xa se está actuando en Lobios, por mor do incendio que comezou en Río Caldo, tamén en setembro. En ambos casos, subliñou o conselleiro, levaranse a cabo traballos de helimulching -dada a imposibilidade de chegar a estas zonas a pé-, ao igual que nas parroquias de Cernado (Manzaneda) -onde se actuará en máis de 16 ha- e de Rebordechao (Vilar de Barrio), onde se contemplan labores nun total de 10 ha.

Neste senso, lembrou que esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando para iso materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente), co fin de evitar a escorrentía superficial e a erosión. Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente, como é o caso de Lobios, e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé. Deste xeito, o conselleiro recalcou que tamén empezaron os traballos de mulching manual nas parroquias de San Millao e Montes (Cualedro) -para actuar en case 12 hectáreas- e de Queirugás (Verín) -con outras 12 ha de tarefas-, ao igual que se fará en Flariz (Monterrei), onde se desenvolverán traballos en máis de 6 ha.

Nesta liña, José González insistiu en que todos estes traballos de consolidación do solo e de recuperación dos terreos queimados se levan a cabo seguindo sempre as directrices dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que acumulan unha longa experiencia na materia e que avaliaron un a un os lumes rexistrados en setembro, para avaliar a situación dos solos.

Ademais, matizou o conselleiro, en áreas como a do Parque Nacional Baixa Limia-Serra do Xurés, reforzouse esta protección a través dunha colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a constitución dunha comisión de traballo conxunta co fin de poñer en marcha un plan de rexeneración específico para as zonas do parque máis afectadas polos incendios. Neste senso, dito plan contempla actuacións inmediatas como os traballos que se están levando a cabo agora, pero tamén outras a medio e longo prazo para propiciar a rexeneración natural destas zonas e o control sobre a aparición de especies exóticas invasoras.

Por último, José González tamén agradeceu o labor da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que está a colaborar no concello de Lobios para -dentro das súas competencias- minimizar ou paliar o dano ambiental que pode causar a chegada de escorrentías con cinzas aos ríos e regatos, así como para reducir os riscos de inundación nas poboacións existentes na zona.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural