Conde resalta que Galicia e Europa comparten o obxectivo de que a transición ecolóxica sexa un impulso á recuperación económica e social

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro coa directora de Política Enerxética da Comisión Europea, Cristina Lobillo

Lembra que a Xunta defende unha transición ecolóxica xusta, ordenada e planificada, articulando medidas de acompañamento para a industria e para os sectores que se están vendo máis afectados, como o electrointensivo

Galicia quere aproveitar este proceso para despregar nova potencia renovable, crear unha industria máis sustentable, xerar emprego e atraer investimentos

Para contar con novas vías de financiamento para os proxectos que se activen co Fondo de Transición Xusta e o Fondo Next Generation, Conde reúnese tamén hoxe co vicepresidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Ricardo Mourinho

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia coa directora de Política Enerxética da Comisión Europea, Cristina Lobillo, no que puxo de manifesto que Galicia comparte con Europa o obxectivo de que a transición ecolóxica se converta nunha oportunidade transversal para toda a cadea de valor, favorecendo especialmente a recuperación económica e social de pemes, autónomos e familias.

Na xuntanza, Conde transmitiulle á dirixente europea o reto que supón este proceso, que Galicia quere aproveitar para despregar nova potencia renovable, crear unha industria máis sustentable, xerar emprego e atraer investimentos. O vicepresidente económico lembrou que Galicia defende unha transición ecolóxica xusta, ordenada e planificada. Isto supón, segundo sinalou, articular medidas de acompañamento para a industria e para os sectores que se están vendo máis afectados, como o electrointensivo, declarado como esencial e estratéxico pola Xunta; e poder beneficiarse das axudas que están facendo esforzos na descarbonización, fundamentalmente do Fondo de Transición Xusta, do que a España lle corresponderán máis de 1800 millóns de euros.

O vicepresidente económico da Xunta apuntou que “precisamos que desde o Goberno a política enerxética dea esa resposta e permita establecer os mecanismos vinculados ao Estatuto de consumidores electrointensivos e tamén as diferentes medidas vinculadas co CO2 ou outros sistemas como as peaxes de transportes para que esas empresas electrointensivas que máis precisan de consumo enerxético poidan abordar con competitividade este proceso de recuperación”.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación referiuse tamén ao Fondo de recuperación Next Generation, que, tal e como apuntou, supón unha verdadeira oportunidade para impulsar novos proxectos industriais que incidan na economía circular e en novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde. De feito, a candidatura galega contempla, entre os primeiros 108 proxectos, un Polo de Transformación de Galicia que inclúe, entre outras propostas, a construción dunha planta de hidróxeno verde, a fabricación de fibras téxtiles a través da viscosa, ou o desenvolvemento da economía circular mediante un centro de xeración de biogás e unha planta de fertilizantes.

Tanto no caso destes fondos como dos de Transición Xusta, Conde lembrou a necesidade de que se distribúan seguindo criterios claros e transparentes, contribuíndo á cohesión social e territorial. O vicepresidente económico sinalou que se trata de fondos indispensables para financiar un conxunto de proxectos que teñen como obxectivo impulsar unha recuperación sólida da economía. Precisamente para contar con novas vías de financiamento para materializalos, Conde mantén hoxe tamén un encontro telemático co vicepresidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Ricardo Mourinho.

O BEI activou unha liña de crédito de 10.000 millóns de euros para apoiar investimentos públicos de impulso á transicion ecolóxica, préstamos que achegarán ás administracións e organismos públicos os recursos necesarios para desenvolver proxectos relacionados coas infraestruturas de enerxía e transporte, a mobilidade sustentable ou a eficiencia enerxética. Na reunión, Conde trasladaralle a Mourinho a vontade de que o Polo para a Transformación de Galicia poida contar coa participación externa do BEI.

Imaxes relacionadas