A Xunta publica o anuncio previo de licitación das obras do novo Centro Integral de Saúde de Lalín, que suporá un investimento de máis de 9 M€

O obxectivo deste anuncio previo na plataforma de contratos públicos de Galicia é acurtar os prazos administrativos do proceso de contratación das obras, que se prevén licitar na segunda quincena de decembro

O Centro Integral de Saúde de Lalín distribuirase en 4 andares, tres para o centro de saúde e outro para o PAC

O centro terá unha área asistencial con 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, 1 de farmacia e 2 de odontoloxía, ademais de salas de técnicas e mostras

As instalacións incluirán áreas de hospitalización a domicilio, de atención á muller, de pediatría, de diagnose por imaxe ou de hemodiálise, entre outras

As novas instalacións darán servizo a preto de 35.000 veciños da comarca do Deza

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

A Xunta publica hoxe na plataforma de contratos públicos de Galicia o anuncio previo de licitación das obras de construción do novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, que suporá un investimento autonómico de máis de 9 millóns de euros.

Este anuncio ten como obxectivo acurtar os prazos administrativos do proceso de contratación das obras, que se prevén licitar na segunda quincena do vindeiro mes de decembro.

Este proxecto estratéxico para a comarca da Deza consta dun prazo de execución de 18 meses.

O servizo de atención primaria de Lalín dá servizo tamén aos concellos de Agolada, Lalín, Rodeiro e Dozón e tamén dá cobertura en diversas asistencias aos municipios de Silleda e de Vila de Cruces. Está previsto que preto de 35.000 habitantes desta comarca se beneficien da nova infraestrutura.

O Centro Integral de Saúde de Lalín distribuirase en 4 andares, dos cales 3 se destinarán ao centro de saúde e outro ao PAC.

A superficie total construída para este centro de saúde será de 5.731,50 m2, cunha superficie útil de 4.935,05 m2. O deseño priorizará a funcionalidade do edificio, cun esquema sinxelo de dous patios interiores a modo de claustro onde envorcan as zonas de espera e as de circulación.

Distribución dos servizos

O centro contará cunha área asistencial con 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, 1 de farmacia e 2 de odontoloxía, ademais de sala de técnicas, mostras e varias polivalentes.

Na área de especialidades médicas haberá 4 consultas de medicina, 2 de enfermería e 3 gabinetes de exploración. A área pediátrica inclúe 3 consultas de medicina, 2 de enfermería e 1 sala de atención integral.

O CIS de Lalín tamén abranguerá unha área de hospitalización a domicilio, outra de atención á muller, unha de rehabilitación, unha de telemedicina, outra de diagnose por imaxe, unha de hemodiálise con 12 postos e unha área integral de saúde pública.

Esta infraestrutura sanitaria incluirá un Punto de Atención Continuada, con 3 consultas, 5 dormitorios, unha sala de críticos e outra de observación.

A posta en marcha deste CIS permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria e activar outros novos servizos como o de rehabilitación cardíaca, de solo pélvico ou de enfermidades musco-esqueléticas.

Ademais as instalacións disporán dunha área de servizo de transporte sanitario con soporte vital básico, espazos comúns, de persoal, administración e arquivo.

A urbanización constará dunha zona verde na parte norte da parcela, de dúas áreas de aparcamento e dunha praza vinculada ás dúas entradas públicas do edificio.

A Xunta continúa traballando para dotar á comarca do Deza dunha atención sanitaria de calidade, poñendo á disposición dos veciños dos concellos que integran a bisbarra unha infraestrutura moderna e con capacidade de resolución de alto nivel.

Imaxes relacionadas