A Xunta presenta a oferta de emprego público correspondente a 2020, a maior dos últimos 12 anos con 7.380 prazas

Feijóo precisa que a OPE ascende a 2.741 prazas no eido da Administración Xeral, 985 prazas no eido sanitario e 3.654 prazas no ensino

Salienta que se porá en valor a todo o persoal sanitario que foi chamado nas listas e traballou durante a pandemia, así como a aqueles profesionais que estiveran en hospitais comarcais ou en centros de saúde afastados das cidades galegas

“Se tiveramos a posibilidade de ofertar todas as vacantes no Sergas, se tiveramos autorización do Goberno central, serían 3.500 en vez das case 1.000”, apunta

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a oferta de emprego público da Xunta correspondente a 2020, a maior dos últimos 12 anos con 7.380 prazas, o que supón un 43% máis respecto á convocatoria de 2019, toda vez que a Xunta volve esgotar ao máximo o número de prazas que legalmente pode ofertar.

Deste xeito, no eido da Administración Xeral, a oferta de emprego público ascende a 2.741 prazas: 2.346 serán de acceso libre e as outras 395 prazas resérvanse para procesos de promoción interna do persoal funcionario da Administración. Delas, 1.215 correspóndense co proceso de estabilización e consolidación do persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar.

No eido sanitario ofertaranse 985 prazas: 652 prazas de persoal médico nas áreas de máxima prioridade, sendo a maior oferta de emprego de persoal facultativo desde o ano 2001; 275 prazas de enfermería, fisioterapia, terapeuta ocupacional e persoal técnico en farmacia; 46 prazas nas categorías de xestión e servizos; e 12 prazas de persoal sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

No relativo ao ensino, en total ofértanse nesta convocatoria 3.654 prazas: 2.036 de acceso libre e 1.618 de promoción interna.

Ademais, a esta oferta sumaranse outras 3.263 prazas para os novos procesos de funcionarización en favor do persoal laboral fixo da Xunta, que se engaden ás 1.400 ofertadas nos dous últimos anos, das que un milleiro xa están executadas e ás que se presentou “o 95% do persoal laboral fixo que podía facelo”, precisou o titular da Xunta.

Valoración do persoal sanitario que traballou durante a pandemia

A continuación, o presidente do Goberno galego salientou que se porá en valor, por unha banda, “a aquelas persoas que durante a pandemia foron chamadas nas listas e permaneceron ao longo dese período traballando nos hospitais e nos centros de saúde”. “Todo o persoal sanitario que traballou durante a pandemia terá un plus de servizos prestados”, sinalou.

Por outra banda, tamén se valorarán os servizos prestados a aqueles profesionais que traballan en hospitais comarcais ou en centros de saúde afastados das cidades galegas.

“En definitiva, esta é a capacidade máxima legal, xa que se tiveramos a posibilidade de ofertar todas as prazas vacantes no Sergas, se tiveramos autorización do Goberno central, en vez das case 1.000 prazas ás que fixen referencia, serían 3.500, e polo tanto agardamos que na tramitación dos Presupostos do Estado se libere polo menos o servizo sanitario do límite da OPE e se deixe aberta a todas as prazas vacantes alomenos ás comunidades autónomas que cumprimos o déficit público”, concluíu Feijóo.

Imaxes relacionadas