As directoras xerais de Pesca e de Desenvolvemento Pesqueiro responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Máis de 40 entidades xestoras de lonxas recibiron apoio da Xunta para paliar a caída de ingresos durante a crise do coronavirus

Esta vía de axuda enmárcase no plan para a dinamización do complexo mar-industria ‘Avantemar’ e tiña como beneficiarios ás confrarías de pescadores e outras entidades xestoras de lonxas para compensar a perda de ingresos durante o estado de alarma decretado o 14 de marzo

Estas achegas aboadas a finais de outubro supoñen un importe total de preto de 434.000 euros de orzamento con fondos propios da comunidade autónoma

En canto ao marisqueo en Carril, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro explicou que para poder autorizar a adaptación do plan de xestión, a Consellería do Mar ten que recibir unha solicitude da confraría, entidade titular do plan, con documentación que a xustifique

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, expuxo hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que un total de 44 entidades xestoras de lonxas de Galicia -a maioría confrarías de pescadores- contan con axudas por un importe total de máis de 435.000 euros para paliar a caída de ingresos derivada da crise do coronavirus entre o 14 de marzo e o 15 de maio, ambos incluídos. Neste sentido, a directora xeral explicou que as axudas presentadas están todas resoltas e que se aboaron a finais do mes de outubro.

Esta liña de apoio, lembrou Mercedes Rodríguez, é unha das incluídas no plan para a dinamización do complexo mar-industria Avantemar e tiña como beneficiarios ás confrarías de pescadores e outras entidades xestoras de lonxas co obxectivo de compensar as caídas de ingresos que sufriron durante o estado de alarma decretado o 14 de marzo como consecuencia da menor demanda de produtos do mar polo peche da hostalería e favorecer así o mantemento da súa actividade.

Ademais a directora xeral explicou que a contía do apoio se fixou tendo en conta a caída dos ingresos das entidades xestoras de lonxas en comparación co mesmo período de 2019 e consiste no 70% das perdas de ingresos polas tarifas que lle corresponden ás entidades solicitantes pola poxa ou venda -cun máximo a considerar do 7%- no período do estado de alarma.

Tamén especificou que aos beneficiarios que fixeron un ERTE se lles descontan os custos salariais e de Seguridade Social que non tiveron que soportar no 2020. De aí, explicou, que non se esgotase todo o orzamento destinado a esta vía de apoio, que era de 600.000 euros con fondos propios da Xunta, pois a cantidade de aforro que supuxeron os ERTE foi de máis de 111.000 euros e iso non se podía coñecer con anterioridade.

Por último, Mercedes Rodríguez subliñou que estas axudas, do mesmo xeito que todo o plan Avantemar, son unha mostra do obxectivo da Xunta “de estar a carón do sector e apoialo cando máis o necesita” co obxectivo de paliar os efectos económicos da pandemia da covid-19.

Marisqueo en Carril

Por outra banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, respondeu a unha pregunta relacionada co marisqueo en Carril e aclarou que para poder autorizar a adaptación do plan de xestión, a Consellería do Mar ten que recibir unha solicitude da confraría, entidade titular do plan, con documentación que a xustifique. Ademais engadiu que a Consellería do Mar o que podería facer dentro das súas competencias é a posible adaptación do plan de xestión aprobado, sempre que haxa unha causa xustificada.

Imaxes relacionadas