A Xunta achega 28.000 euros ao concello de Pontedeva para melloras na casa consistorial e nun parque infantil

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as melloras levadas a cabo no municipio

Pontedeva recibiu nos últimos anos case 860.000 euros a través das liñas de axudas do Goberno galego para actuacións ambientais e de infraestruturas

Natalia Prieto destacou a importancia da cooperación entre municipios en proxectos conxuntos para optimizar recursos, como é o caso de Pontedeva a través da Mancomunidade de Terras de Celanova

Pontedeva (Ourense), 12 de novembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobou hoxe de primeira man as actuacións levadas a cabo este ano no concello de Pontedeva, ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público.

O municipio recibiu 28.000 euros desta liña de axudas da Xunta destinadas á reforma da planta baixa da Casa do Concello, co obxectivo de crear un área de atención directa ao público que facilite a calidade do servizo aos cidadáns que cada día acoden a realizar as súas xestións. A axuda inclúe tamén a instalación de medidas de seguridade no parque infantil da área recreativa da Ponte.

A directora xeral de Administración Local destacou a necesidade da colaboración entre a Administración autonómica e a local para executar actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns.

A Xunta tamén destinou este exercicio outros 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para o funcionamento do punto limpo da Mancomunidade Terra de Celanova, da que forma parte Pontedeva, xunto cos concellos de Celanova, Cartelle, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirao, Ramirás e Verea. Nesta liña, Natalia Prieto incidiu na importancia da cooperación entre municipios en iniciativas conxuntas que permitan optimizar recursos e que, no caso deste punto limpo, recibiu apoio da Xunta nos últimos cinco anos.

Ademais, varios dos proxectos desta mancomunidade foron recoñecidos desde 2013 en case tódalas edicións dos Premios Coopera, mesmo acadando nos anos 2017 e 2018 o primeiro premio.

O Goberno galego vén colaborando nos últimos anos co concello de Pontedeva, cun investimento de case 860.000 euros en proxectos para melloras ambientais e de infraestruturas municipais, incluíndo as iniciativas presentadas en conxunto coa mancomunidade á que pertence.

Imaxes relacionadas