O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitiu un escrito á alcaldesa, Digna Rosa Rivas

A Xunta urxe ao Concello de Redondela a que remita a certificación do crédito necesario para a cofinanciación da reforma da avenida Mendiño que leva agardando desde marzo

Pídelle que no prazo de 15 días remita esa certificación, xa que do contrario entenderase que a Administración local renuncia a subscribir o acordo de colaboración proposto pola Xunta

Nese caso, a Axencia Galega de Infraestruturas comezará a planificar as actuacións de conservación da PO-363 de acordo á xestión que realiza no conxunto da rede de estradas autonómica

O director da Axencia Galega de Infraestruturas lémbralle ao Concello que a actuación tamén está pendente da autorización de Costas do Estado desde novembro de 2019, con solicitude reiterada en xullo e aínda sen resposta

Manifesta a súa sorpresa por que o Concello esixa a retirada do financiamento á semaforización cando iso lle suporía só 5.750 euros, un 0,4% do importe da actuación

A Xunta asume intervencións que exceden o eido da xestión de estradas, como renovación de mobiliario urbano por importe de 67.000 euros.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia urxe ao Concello de Redondela a que remita a certificación da retención do crédito necesario para cofinanciar a reforma da avenida de Mendiño, na estrada autonómica PO-363.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitiu un escrito á alcaldesa Digna Rosa Rivas, lembrándolle que a Xunta leva agardando desde marzo a que o Concello certifique que dispón do crédito necesario para cumprir o seu compromiso de cofinanciar a reforma desta actuación.

A certificación da retención de crédito por parte do Concello é necesaria para avanzar na tramitación do proxecto de acondicionamento e mellora da seguridade viaria que a Xunta ten redactado para a PO-363 ao seu paso por Redondela e que lle foi remitido ao Concello, xunto coa proposta de convenio de colaboración, xa no pasado mes de marzo.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas pídelle ao Concello que, no prazo de 15 días, remita esa xustificación do crédito. Do contrario, entenderase que a Administración local renuncia a subscribir o convenio de colaboración proposto, polo que a Xunta comezará a planificar as actuacións de conservación na estrada de acordo á planificación e xestión que realiza no conxunto da rede de estradas de titularidade autonómica.

No escrito o director da Axencia Galega de Infraestruturas lémbralle tamén ao Concello que unha parte importante da actuación que se prevé executar se realiza sobre terreos que son de dominio público marítimo terrestre, polo cal é necesaria a autorización de Costas por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A Xunta remitiu en novembro de 2019 o proxecto para a preceptiva autorización, reiterándose o envío da documentación no mes de xullo, sen que ata o de agora teña habido resposta.

En canto ás consideracións ao texto do convenio realizadas polo Concello de Redondela, sorprende que este esixa a retirada do financiamento á semaforización, xa que os catro semáforos que se prevén aproveitan os báculos de iluminación dos pasos de peóns e a repercusión económica para o Concello suporía só 5.750 euros, non chegando ao 0,4% do importe total da actuación.

Nesta liña, o director da Axencia Galega de Infraestruturas lémbralle á alcaldesa que a Xunta asume xa actuacións que non lle correspondería como xestora da rede de estradas, como son o mobiliario urbano, cuxa partida ascendería a preto de 67.000 euros e que non se inclúe, sen embargo, no cofinanciamento do Concello.