A Xunta comeza os traballos da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro

A execución da primeira autovía autonómica da provincia de Lugo, libre de peaxe, suporá un investimento de 24,6 millóns de euros e ten un prazo de execución de 24 meses

Para converter o tramo en autovía construirase unha nova calzada paralela pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, adaptaranse os enlaces e pasos inferiores e reporanse os camiños

O treito de autovía contará tamén con valla reforzada para reducir a accidentalidade causada polo xabaril e substituirase a existente no lado que non se desdobra

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, cun investimento da Xunta de 24,6 millóns de euros.

Trátase da execución da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, que comeza polo tramo sinalado como prioritario polos técnicos, concretamente 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro. As obras teñen un prazo de execución de 24 meses.

Estanse a realizar actualmente traballos iniciais de roza e apertura da vía co obxectivo de que nas vindeiras xornadas poida acceder a maquinaria.

A intervención abrangue o treito no que resulta máis necesaria a ampliación da capacidade, tanto pola súa alta intensidade de tráfico, uns 7.450 vehículos ao día, como pola súa orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen as posibilidades de adiantamento.

Para converter este tramo en autovía executarase unha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando de 1 calzada con 2 carrís actuais a 2 calzadas con 2 carrís por sentido.

As obras do dobramento do corredor entre Sarria e Lugo incluirán tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados.

Ademais, o treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril. Así, ademais de colocar esa valla pola marxe esquerda, por onde irá a nova calzada, tamén se substituirá a xa existente, no lado que non se desdobra.

O deseño da autovía responde aos criterios técnicos máis exixentes, o que vai a permitir facer o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km.

Os obxectivos desta actuación son o reforzo da seguridade viaria, a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións.

A Xunta mantén o seu compromiso coas necesidades de mobilidade dos galegos e, moi especialmente, dos cidadáns do interior.

Imaxes relacionadas