A Xunta investiu este ano case 70.000 euros en melloras ambientais e de infraestruturas no concello de Silleda

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións no parque infantil da praza Juan Salgueiro, que o Goberno galego financiou con 40.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público

Silleda (Pontevedra), 12 de novembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as melloras levadas a cabo no parque infantil da praza de Juan Salgueiro, que a Xunta financiou con 40.000 euros este ano ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

O investimento do Goberno galego este ano no municipio ascende a case 70.000 euros e inclúe tamén melloras de eficiencia enerxética nos vestiarios do campo de fútbol e da piscina municipais, ás que a Administración autonómica destinou 30.000 euros no marco do Fondo de Compensación Ambiental.

Os traballos no parque infantil supón o aumento destinado ao espazo de xogos coa instalación doutros novos. Trátase dunha actuación apoiada a través da Orde de infraestruturas de uso público, unha liña de axudas para que os municipios galegos poidan mellorar as súas infraestruturas básicas e os seus servizos, e que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 4 millóns de euros, o que supón un incremento dun millón de euros máis respecto ao ano anterior.

No caso do Fondo de Compensación Ambiental, este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros dirixidos a financiar os custos dos concellos en servizos dedicados á protección do medio ambiente e o espazo natural ou ao impulso da eficiencia enerxética.

A Xunta leva investidos nos últimos anos arredor de 580.000 euros no municipio de Silleda no marco destas dúas liñas de axudas. Natalia Prieto sinalou que, a través destas subvencións, o Goberno galego apoia aos concellos galegos, en especial aos máis pequenos e con menos recursos, na mellora dos servizos municipais que redunden no benestar dos cidadáns.

Imaxes relacionadas