O delegado territorial anunciouno esta mañá na súa visita ao obradoiro de emprego 'Ruta dos Muíños V'

A Xunta achega 5,4 M€ para impulsar 16 obradoiros duais de emprego en 47 concellos da provincia de Ourense

O delegado territorial manifestou a súa satisfacción pola resolución da Consellería de Emprego e Igualdade na que destina 5,4 millóns de euros a colaborar cos concellos promotores destas iniciativas a través da convocatoria de axudas deste ano

Alén Castro lembrou que está previsto que se poñan en marcha antes de finais do ano cunha duración de nove meses, e en cada un deles formaranse e traballarán 20 persoas, agás dous que terán 16 e 17 alumnos

Ourense, 12 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia financiará 16 obradoiros duais de emprego que se desenvolverán en 47 municipios da provincia de Ourense e suporán a contratación de 393 persoas, entre alumnos-traballadores, persoal de dirección, administración e monitores.

Así o anunciou esta mañá, o delegado territorial da Administración autonómica en Ourense, Gabriel Alén, na súa visita ao obradoiro de emprego Ruta dos Muíños V, iniciativa que conta cun total de 20 participantes que están recibindo formación e experiencia práctica en actividades auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. En concreto visitaron na zona de Quintela de Leirado os traballos de rehabilitación da antiga escola de Souto de Redemuiños.

Nesta visita, Alén Castro, amosou ante os alcaldes de Padrenda, Quintela de Leirado e a alcaldesa de Gomesende, a súa satisfacción pola resolución da Consellería de Emprego e Igualdade na que destina 5,4 millóns de euros a colaborar cos concellos promotores destas iniciativas a través da convocatoria de axudas deste ano.

O delegado lembrou que estes novos obradoiros duais está previsto que se poñan en marcha antes de finais do ano, cunha duración de nove meses, e en cada un deles formaranse a 20 persoas, (agás dous que terán 16 e 17 alumnos) que contarán cun contrato de traballo durante a súa participación na actividade e ao finalizar poderán acreditar as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade.

Entre os criterios para conceder as axudas, tivéronse en conta as propostas presentadas por concellos agrupados ou resultantes dunha fusión, as de municipios emprendedores ou as que presentan contidos relacionados co fomento das TIC e da economía dixital.

Tamén se estimou o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación do alumnado durante un mínimo de tres meses, con contratos a xornada completa en empresas do mesmo ámbito territorial que o obradoiro.

Sete dos talleres promovidos na provincia de Ourense ofrecen esta alternativa, o que posibilitará que 21 participantes poidan acceder ao mercado laboral despois de finalizar a súa etapa formativa nos obradoiros. Este programa de incentivos supón un investimento engadido por parte da Xunta de 31.500 euros.

Dos obradoiros concedidos na provincia de Ourense compre destacar que 3 son de especialidade forestal, 2 de Camiño de Santiago e 1 da Reserva da Biosfera.

Todas estas accións enmárcanse no Plan galego de formación para o emprego que ten como obxectivo contar cunha Galicia máis preparada grazas a un programa que ofrecerá máis de 3000 cursos ata 2021 para chegar a 35.500 galegos e galegas.

Imaxes relacionadas