A Xunta pon en marcha os traballos para restaurar e conservar a basílica de Santa María a Maior

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, supervisaron hoxe as obras que contan cun investimento de máis de 275.000 euros

A intervención terá un prazo de execución de catro meses co fin de corrixir o deterioro do templo e actuar en elementos ornamentais de carácter singular

A primeira zona sobre a que se está intervindo é a cuberta da nave principal, na que se cambiarán as tellas e o microcemento instalando un sistema de ventilación

Pontevedra, 12 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, supervisaron hoxe o inicio dos traballos de restauración e conservación preventiva na basílica de Santa María a Maior. Trátase dunha actuación que conta cun prazo de execución de catro meses e que está comezando na cuberta da nave principal co obxectivo de mellorar a súa impermeabilización.

O obxectivo desta intervención na que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste máis de 275.000 euros é, segundo explicou a delegada territorial da Xunta en Pontevedra durante a súa visita “garantir a protección e conservación dun dos bens máis recoñecibles do patrimonio arquitectónico da cidade de Pontevedra”. Nesta mesma liña, salientou o compromiso do Goberno galego coa conservación, restauración e protección dos bens culturais que, no caso da provincia de Pontevedra, se traduce neste momento en preto de dez intervencións que contan cun investimento de máis de 2,3M€.

Concretamente, a intervención da cuberta está centrada en reparar o actual deterioro para eliminar a entrada de auga de chuvia por canles, terrazas e faldróns. Neste sentido, está previsto realizar un cambio de tella e a reposición dalgunhas placas deterioradas, así como arranxar as canles de evacuación da auga da cuberta, que se vai impermeabilizar, xunto coa terraza da torre do campanario.

A continuación, actuarase sobre as carpinterías das vidreiras que é preciso restaurar para mellorar as condicións de ventilación e na crestería de remate da cuberta co obxectivo de garantir a súa estabilidade e seguridade. Finalmente, acometerase a limpeza e rexuntado con morteiro de cal das fachadas sur e da ábsida.

BIC desde 1931

A basílica, que goza da consideración de ben de interese cultural coa categoría de monumento desde 1931, iniciou a súa construción a finais do século XV ou principio do século XVI nunha zona na que previamente existiu unha igrexa románica, dominando o río e aberta ao barrio da Moureira, na que se asentaban os mareantes, cuxo gremio promoveu e custeou as obras.

Entre os elementos de interese destaca a magnífica portada de estilo plateresco que, a modo de tapiz, queda enmarcada entre dous contrafortes. Ademais, conta con figuras e motivos decorativos no conxunto entre os que resaltan os grupos escultóricos da Asunción da Virxe e o do Tránsito. Ademais, na construción de Santa María participaron destacados arquitectos e mestres de obra como Diego Gil, Juan de los Cuetos, Cornelis de Holanda ou Domingo Fernández.

Imaxes relacionadas