O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se conceden as primeiras bandeiras verdes aos concellos de Porto do Son e Moaña

Este distintivo, que xa locen os concellos distinguidos, ten por obxectivo recoñecer e premiar a aqueles municipios que destacan polas súas boas prácticas na protección paisaxística e ambiental

A obtención desta bandeira constituirá un mérito para a obtención de algunhas subvencións da Consellería de Medio Ambiente

Galicia é pioneira ao ser unha das primeiras rexións en crear un distintivo destas características e promovida por unha administración

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución pola que se conceden os distintivos Bandeira Verde aos concellos de Porto do Son e Moaña, polo que se converten nos primeiros concellos galegos en recibir estes distintivos, promovidos pola Xunta de Galicia, e que teñen por obxectivo recoñecer o esforzo e o compromiso das administracións locais coa protección da paisaxe e do medio ambiente.

Nese sentido, o xurado valorou o traballo realizado por senllos municipios en catro ámbitos de actuación: a protección da paisaxe, o cambio climático e a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e as accións de sensibilización e comunicación; polo que se ten en conta a aposta deste municipio co desenvolvemento de boas prácticas no coidado da contorna, o respecto pola paisaxe, a redución das emisións de CO2, o fomento dunha correcta xestión do lixo e de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, como xardíns, praias, espazos etnográficos, etc, así como a posta en valor de monumentos naturais, a educación ambiental ou a redución do consumo enerxético.

Así, este distintivo contará como un mérito máis aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural, que convoque a Consellería; ademais de converterse nun referente e exemplo para outros concellos galegos.

Galicia é unha rexión pioneira ao ser a primeira Comunidade Autónoma de España en crear un distintivo destas características, que é -á vez- un exemplo das políticas públicas necesarias para avanzar no obxectivo común de conseguir unha Galicia verde e sostible.