A Xunta tramita a inscrición de dez montes de Lugo e Ourense no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Tres dos montes están situados no concello de Folgoso do Courel, outros tres no de Navia de Suarna e os restantes en Baleira, Samos, Rubiá e Vilariño de Conso

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de información pública destes expedientes de inscrición no devandito rexistro

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses, que computarán a partir de mañá
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de dez montes situados nas provincias de Lugo e Ourense.

A superficie combinada dos dez expedientes é de case 1.230 hectáreas e todos os montes están clasificados como veciñais en man común. Ademais, contan cun instrumento de ordenación redactado a raíz da Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocaron para 2018 (DOG do 24/01/2018).

Monte
CMVMC
Superficie

Especies principais

Castrelo e Espiña

Castrelo e Espiña, en Baleira

33,36 hectáreas

Bidueiro, se ben hai algúns  exemplares de carballo e castiñeiro .

Castro Portela

CMVMC de Castro Portela, en Folgoso do Courel

43,20 hectáreas

Castiñeiro.

Hórreos

CMVMC de Hórreos, en Folgoso do Courel

85,22 hectáreas

Cerqueiro.

Rogueira e Cabana

CMVMC de Moreda, en Folgoso do Courel

341,48 hectáreas

Cerqueiro, ademais de faia, carballo albar, freixo e bidueiro.

Moia

CMVMC de Moia e Vilar de Moia, en Navia de Suarna

202,64 hectáreas

Cerqueiro.

Ribón

CMVMC de Murias do Camiño e Ribón, en Navia de Suarna

42,04 hectáreas

Cerqueiro.

Robledo

CMVMC de Robledo, en Navia de Suarna

242,41 hectáreas

Cerqueiro.

Coto Redondo

CMVMC de Casela e Parada, en Samos

33,82 hectáreas

Castiñeiro.

Serra da Enciña

CMVMC de Biobra, en Rubiá

170,86 hectáreas

Enciña.

Acebeda ou Coto Castiñeira

CMVMC da Castiñeira, en Vilariño de Conso

34,49 hectáreas

Cerqueiro.

 

A partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, situado en Santiago de Compostela os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 40 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 3.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201112/AnuncioG0426-281020-0001_gl.html
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural