No que vai de ano o Sergas activou un total de 1.900 códigos ictus dentro do plan de asistencia a esta patoloxía

Dende a posta en marcha do Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, impulsado polo Servizo Galego de Saúde en xullo de 2016, o número de códigos ictus activado foi de máis de 8.000

Para acadar unha atención óptima, independente do lugar no que se atope o paciente, o Sergas creou unha Central de Atención ao Ictus, conformada por un equipo de neurólogos expertos nesta patoloxía

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

“Estamos a vivir unha situación sen precedentes provocada pola covid-19 pero non por iso deixamos de atender aos pacientes que presentan outras patoloxías graves, e moito máis cando son tempo-dependentes como no caso do ictus, e, no que vai de ano, activáronse máis de 1.900 códigos ictus”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego subliñou que, dende a posta en marcha do Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, posto en marcha polo Servizo Galego de Saúde en xullo de 2016, o número de códigos ictus activado foi de máis de 8.000, as fibrinolises intravenosas realizadas superan as 1.700, e, ademais, realizáronse máis de 900 tromboectomías mecánicas.

Mellora do plan

O conselleiro sinalou, así mesmo, que, neste momento, a Comisión de Control e Seguimento do Ictus está a realizar unha revisión do Plan, coa finalidade de actualizalo en aspectos relacionados co diagnóstico e tratamento e a organización da resposta asistencial. Esta mellora anunciada polo conselleiro, estará baseada nas máis recentes achegas da evidencia científica.

García Comesaña remarcou que o Sergas conta con tres unidades de ictus, nos complexos hospitalarios universitarios da Coruña e Santiago e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e ademais, ten en funcionamento seis equipos de ictus nos hospitais de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Mariña e Povisa.

O Sergas traballa, tamén, para que os servizos de urxencias dos hospitais comarcais teñan a capacidade e a formación necesaria para realizar a fibrinolise intravenosa no caso de identificar un episodio de ictus isquémico.

Para acadar unha atención óptima, independente do lugar no que se atope o paciente, o Sergas creou unha Central de Atención ao Ictus, conformada por un equipo de neurólogos expertos en manexo e diagnóstico desta patoloxía, dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano, que ofrecen ao médico responsable do paciente soporte para o diagnóstico e tratamento a través da telemedicina.

Os neurólogos da Central contan cun acceso directo á videoconferencia co centro do Sergas no que se atope o paciente, e usan a historia clínica electrónica como elemento integrador da información, examinando en tempo real mediante unha cámara web de alta resolución e analizando a imaxe radiolóxica e tomando unha decisión compartida sobre a actitude terapéutica a tomar co médico que o está a atender.

Imaxes relacionadas