A Xunta reitera o seu apoio ao fortalecemento da presenza das empresas galegas nos Estados Unidos

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na apertura do X Foro Empresarial España-Estados Unidos, organizado pola Cámara de Comercio España-EEUU en Nova York en colaboración coa Cámara da Coruña

Subliña que as pemes deben apostar polas novas canles de comercialización para incrementar a súa presenza exterior no novo contexto socioeconómico

A Administración autonómica demostra o seu compromiso coa internacionalización do tecido empresarial co reforzo e a redefinición dos programas Galicia Exporta e Foexga, especialmente no eido dixital

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

O director do Igape, Fernando Guldrís, subliñou esta tarde por videoconferencia que a Xunta seguirá impulsando o fortalecemento da presenza das empresas galegas en Estados Unidos na nova etapa política que comezará este país nos vindeiros meses. Guldrís fixo estas declaracións na apertura do X Foro Empresarial España-Estados Unidos, que inaugurou xunto cos presidentes do Consello de Administración da Cámara de Comercio España-EEUU en Nova York, Alan D. Solomont, e da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro.

O director do Igape puxo de relevo a necesidade de acrecentar as boas relacións comerciais entre ambos os dous países e agradeceu que sexa Galicia a sede elixida en España para a celebración da presente edición do foro, que por vez primeira vez ten lugar de forma dixital. Durante hoxe e mañá, empresarios, expertos e líderes políticos de España e de Estados Unidos analizarán a situación económica do país norteamericano e dos investimentos españois nese destino. Ademais, abordarán temas de actualidade como o futuro das relacións transatlánticas.

Guldrís destacou a relevancia da celebración deste encontro no momento actual, no que o comercio internacional se veu alterado debido á expansión da covid-19, e manifestou que é unha boa oportunidade para explorar novas oportunidades de colaboración e negocio entre os dous países para recuperar e mellorar as vendas previas á aparición da pandemia.

Así, no que respecta ás relacións comerciais entre Galicia e Estados Unidos, este país segue a ser un dos primeiros destinos das vendas galegas, ocupando a décima posición. O 15,4% das empresas exportadoras galegas venden os seus produtos neste mercado.

Neste contexto, o director do Igape lembrou que a Xunta segue a apoiar o esforzo que están a facer as empresas galegas para manter e potenciar a súa presenza nese e noutros destinos mundiais na nova a situación económica. Salientou que o Plan de reactivación e dinamización económica inclúe o reforzo do programa Galicia Exporta Dixital, deseñado para apoiar as empresas nos seus procesos de internacionalización dixital, e o redeseño das accións apoiadas polo Foexga, desenvolto conxuntamente coas Cámaras de Comercio galegas.

Imaxes relacionadas