Sanidade destaca a lealdade e o traballo colaborativo existente entre a Xunta e os concellos na xestión da pandemia

Desde o inicio da pandemia, Sanidade mantén reunións periódicas cos rexedores dos concellos onde se aplican medidas restritivas

Nos últimos dous meses, García Comesaña mantivo 72 reunións informativas cos alcaldes e alcaldesas de diferentes municipios galegos

O conselleiro anuncia máis información na web do coronavirus do Sergas e unha mellora no seu formato

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor esta tarde no Parlamento de Galicia o traballo colaborativo e maila lealdade institucional que existe entre a Xunta e os concellos galegos na xestión da pandemia provocada pola covid-19.

O responsable de Sanidade lembrou que desde o mesmo momento en que se decretou a emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia decidiu crear o Cecop (Centro de Coordinación Operativa), en cuxas xuntanzas e decisións loxísticas tamén participa a Fegamp.

Neste mesma liña, o conselleiro recalcou que a Consellería que dirixe mantivo reunións periódicas cos rexedores de todos aqueles concellos nos que, por mor da evolución epidemiolóxica destes municipios, foi preciso establecer medidas restritivas.

Comesaña sostivo que desde o pasado mes de xuño, no que Sanidade decretou o primeiro peche perimetral na comarca da Mariña, o departamento sanitario achegou dun xeito constante os datos e a información que precisaban ás alcaldías, ademais de resolver as dúbidas de xestión e loxística que se podían presentar.

Así mesmo, o conselleiro incidiu en que desde o pasado 7 de setembro, data na que tomou posesión do cargo, mantivo un total de 72 reunións cos alcaldes e alcaldesas dos concellos sometidos á restricións. Ademais, remarcou que cada semana o secretario xeral da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, reúnense durante unha mañá completa cos alcaldes que están baixo medidas restritivas.

Neste senso, reiterou que a Xunta continuará a manter esta actitude de colaboración e transparencia na súa relación cos concellos.

Máis información a disposición da cidadanía

Entre as decisións adoptadas pola Consellería de Sanidade, García Comesaña puxo especial énfase en que, xa desde o pasado mes de outubro, toda a persoa que o desexe pode acceder aos datos epidemiolóxicos da comunidade galega no portal web do Sergas.

Sobre este particular, o conselleiro avanzou que nos próximos días, a web que recolle os datos da incidencia do coronavirus en Galicia terá un novo formato que ampliará aínda máis a información e que recollerá os criterios comúns pactados entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade.

Entre as melloras que Sanidade tamén incorporará á web do Sergas, atópase a inclusión de datos concretos sobre casos covid naqueles municipios nos se rexistren 10 ou máis casos positivos. Non obstante, e co ánimo de garantir a confidencialidade das persoas contaxiadas, especialmente nos concellos de pouca poboación, seguirá a publicar o rango de contaxios.

Imaxes relacionadas