A conselleira de Política Social compareceu esta tarde no Parlamento galego para dar conta das intervencións realizadas polo Goberno autonómico nestes centros

Fabiola García asegura que a Xunta actúa con contundencia sempre que detecta situacións irregulares nas residencias

Lembra que as intervencións non son medidas punitivas, senón que tratan de apoiar, axudar e atopar solucións ás necesidades dos centros

Sinala que as residencias están máis preparadas ca nunca para facer fronte a posibles gromos e destaca que o 98% das prazas de usuarios de residencia están libres de covid-19

Santiago de Compostela, 11 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que a Xunta actúa con toda a contundencia cando se detectan situacións irregulares nas residencias. Así o apuntou esta tarde durante a súa comparecencia no Parlamento galego para dar conta das intervencións realizadas polo Goberno autonómico nos centros residenciais.

A conselleira sinalou que a intervención dunha residencia “non é unha medida punitiva”, xa que o obxectivo non é castigar aos responsables das residencias, senón “apoiar, axudar e atopar solucións”. En todo caso, lembrou que os servizos de inspección sanitaria e de servizos sociais vixían o cumprimento da normativa para garantir o correcto funcionamento dos centros e actúan cando é preciso.

Así mesmo, Fabiola García lembrou que as intervencións son medidas excepcionais que se aplican en situacións excepcionais e por criterios puramente sanitarios. “Non sería xusto para as entidades que as xestionan e que están a cumprir os protocolos; nin para o seu persoal, que traballa con profesionalidade e compromiso; nin para as familias dos usuarios, que verían cuestionada a súa confianza na residencia sen motivo xustificado”, afirmou.

Por outro lado, lembrou, ademais, que non se trata da única fórmula de supervisión e tutela das residencias por parte da Xunta, xa que o Goberno galego tamén pon a disposición daqueles centros nos que os criterios sanitarios non aconsellan a súa intervención todos os recursos que precise e tamén fai un seguimento da evolución dos casos das súas usuarias e usuarios.

98% das prazas, sen covid-19

A conselleira remarcou que o 98% das prazas de persoas usuarias en residencia están libres de covid-19, e isto débese a que os centros están máis preparados para facer fronte á pandemia. Neste sentido, concretou que hoxe o persoal está máis formado, hai unha mellor atención integral sociosanitaria, existen protocolos que conxugan a prevención co contacto cos seus familiares, e o Goberno galego está a subministrar aos centros o material necesario para frear a súa entrada e minimizar os contaxios.

Ademais, Fabiola García lembrou que a Xunta realiza cribados quincenais a todos os profesionais das residencias de Galicia, así como probas aleatorias aos usuarios, para atallar con prevención posibles gromos.

Imaxes relacionadas