A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira

A Xunta continuará a encargarse da xestión da depuradora do concello de Gondomar, que deberá actuar para eliminar as deficiencias das redes de saneamento

A Administración autonómica agarda o visto e prace municipal á proposta de convenio remitida por Augas de Galicia para seguir prestándolle apoio ao Concello nas súas competencias mediante a explotación da depuradora

Acordan impulsar unha ampliación da depuradora unha vez que o Concello se comprometeu a ceder os terreos necesarios

Augas de Galicia e o goberno municipal coinciden na necesidade de realizar unha auditoría que permita detectar e resolver os graves problemas de infiltración que presenta actualmente a rede de saneamento municipal

A directora de Augas de Galicia avanza a posibilidade de que a Xunta colabore no financiamento das obras na rede que determine a auditoría, no marco dun acordo a partes iguais co Concello e a Deputación Provincial
 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

A Xunta continuará a prestarlle apoio ao Concello de Gondomar nas súas competencias exclusivas de xestión da auga, ao estar disposta a continuar explotando a depuradora municipal. O Concello, pola súa banda, deberá acometer actuacións para eliminar as graves deficiencias das redes municipais de saneamento.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo na que abordaron a situación do saneamento neste municipio.

A directora de Augas de Galicia trasladoulle ao alcalde que a Xunta está á espera de que o Concello de Gondomar lle remita o visto bo ao texto do convenio para que desde Augas de Galicia siga a explotar a depuradora. Cómpre lembrar que a Xunta vén prestando un importante servizo de apoio ao Concello, ao ser a deste municipio unha das poucas depuradoras que xestiona directamente a Administración autonómica.

O alcalde trasladou o interese do Concello de Gondomar en facilitar a execución das obras que a Xunta tiña previstas para mellorar a depuradora e que non foi posible executar ata o de agora pola falta de colaboración municipal.

No encontro tamén se abordou a necesidade de realizar unha auditoría que permita detectar os problemas que presenta actualmente a rede de saneamento de Gondomar e avaliar as actuacións que serían necesarias para evitar problemas de infiltracións ou conexións erróneas na rede.
En canto ao financiamento das actuacións que a auditoría estime necesarias para a mellora da rede de saneamento e depuración municipal, Augas de Galicia avanzou a posibilidade de participar no seu financiamento, sempre no marco dun acordo no que se fixen achegas, a partes iguais, tamén do Concello e da Deputación Provincial.
 

Imaxes relacionadas