Luisa Piñeiro realiza a súa primeira visita institucional a Mondariz-Balneario na compaña do alcalde, José Antonio Lorenzo

A delegada recolle as solicitudes da veciñanza, centradas principalmente na potenciación do turismo termal, no que o municipio é unha referencia nacional

Luisa Piñeiro, que coñeceu os case 40 anos de traxectoria do rexedor á fronte do Concello, garante que continuará a “gran colaboración” da Xunta

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 11 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao concello de Mondariz-Balneario na compaña do alcalde, José Antonio Lorenzo, con quen tamén mantivo unha reunión de traballo sobre cuestións de competencia autonómica.

A representante autonómica transmitiulle ao rexedor que o Executivo galego continuará coa súa “gran colaboración e absoluta implicación” cos temas de interese para Mondariz-Balneario co obxectivo de que manteña e reforce o nivel de servizos públicos e a calidade de vida dos seus veciños.

Ademais, tamén se abordaron diversos temas de interese para o Concello, entre os que destaca a potenciación do seu turismo termal, xa que é un foco xerador de emprego e riqueza e ademais está recoñecido como unha das grandes referencias nacionais deste ámbito, polo que aspírase a manter esta posición de fortaleza.

A delegada territorial tamén coñeceu a traxectoria de José Antonio Lorenzo, que leva 37 anos ao fronte do Concello e deulle os parabéns por este amplo período e pola evolución e progreso acadados no municipio.

Finalmente, Luisa Piñeiro comprometeuse a manter un contacto directo e constante co rexedor e co Concello co obxectivo de informarlles puntualmente de todas as novidades da Xunta con respecto a Mondariz-Balneario e tamén para recoller novas suxestións se foran xurdindo nos próximos meses.

Imaxes relacionadas