Luisa Piñeiro reafirma a "colaboración absoluta e compromiso máximo" da Xunta co concello de Tomiño tras investir 13 M€ en catro anos

A delegada realiza unha visita institucional e reúnese coa alcaldesa, Sandra González, para recoller as peticións e necesidades da veciñanza

Os investimentos culturais, sociais, educativos, sanitarios e de infraestruturas destacan na relación de solicitudes

Tomiño (Pontevedra), 11 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Tomiño na súa visita institucional a este municipio, onde lembrou a aposta do executivo autonómico por este termo da bisbarra do Baixo Miño tras investir máis de 13 millóns de euros nos últimos catro anos.

A representante autonómica mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, coa que xa tivera contacto nos seus dous actos oficiais anteriores no concello, e abordaron todas as peticións e necesidades da veciñanza con respecto ao executivo autonómico.

Así, os investimentos culturais, sociais, educativos, sanitarios e vencellados ás infraestruturas destacan na relación de solicitudes, xa que preténdese construír unha biblioteca nun edificio anexo ao Mercado Municipal con aportacións de todas as administracións, aspírase á ampliación do IES e á reforma integral do colexio Pedro Caselles e solicítase a axilización da autovía do Baixo Miño que xa está a impulsar a Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade e a seguridade, entre outras cuestións.

Tras a reunión, Luisa Piñeiro comprometeuse a dar traslado das mesmas ás distintas consellerías e a manter un contacto periódico e constante co Concello de Tomiño para informar dos avances das distintas xestións.

Imaxes relacionadas