Marta Fernández-Tapias supervisa o remate dos traballos do tramo de concentración de accidentes na PO-552 ao seu paso por Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo destaca a inversión de 18 millóns de euros en infraestruturas para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na comarca

Apunta, entre os traballos nesta vía, na que se investiu 1 millón de euros, a mellora de 15 pasos de peóns e a execución de 2 novos, 8 novas interseccións e a construción de 4 glorietas e outras tantas marquesiñas nas paradas de autobús
 

Vigo, 11 de novembro de 2020

A delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto a xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díaz, achegouse hoxe ata a PO-552 para supervisar o remate dos traballos para eliminar os treitos de concentración de accidentes en 4,5 quilómetros desta estrada ao seu paso por Vigo.

Unha actuación que, tal e como detallou supuxo a mellora de 15 pasos de peóns e a execución de 2 novos, xunto con 8 novas interseccións e a reordenación dos accesos existentes, así como a construción de 4 glorietas e outras tantas marquesiñas nas paradas de autobús. En conxunto, dixo, investiuse 1 millón de euros co obxectivo de reforzar a seguridade viaria na vía autonómica ao seu paso por Vigo, desde o acceso a San Andrés de Comesaña, pasando por Coruxo e San Miguel de Oia, ata Saiáns.

Segundo concretou Fernández-Tapias, é unha das estradas máis importantes desta zona, xa que une os concellos de Vigo, Nigrán e Baiona e chega, pola costa ata A Guarda. É unha vía que rexistra unha alta intensidade de tráfico, superior aos 20.000 vehículos ao día nalgún dos seus treitos e atravesa numerosos núcleos de poboación, concentrando nas súas marxes unha intensa actividade comercial e de servizos.

En canto as novas glorietas, sinalou a do cruce con Muíños, moi empregado polos veciños, especialmente na época estival como atallo para achegarse ás praias; a do acceso na intersección do Camiño do Romeu, a da zona de Coruxo e tamén a de San Miguel de Oia.

A este respecto, a delegada puxo o acento no importante esforzo inversor do Goberno galego que, no marco da Estratexia da Xunta para reducir así a sinistralidade viaria , está a investir 18 millóns de euros en infraestruturas para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na comarca de Vigo, tales como a eliminación de tramos de concentración de accidentes ou os itinerarios incluídos no Plan de Sendas de Galicia.

Así referiuse a outros puntos de actuación nesta mesma estrada, como o son os TCA da PO-552 entre Saiáns e Priegue e Nigrán e Baiona.

Imaxes relacionadas