A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse con representantes dos sete centros que hai Galicia para dar conta desta medida

A Xunta de Galicia amplía a atención dos puntos de encontro familiar de catro a sete días á semana

Con esta decisión auméntase o número de visitas no centro e, ademais, garántase a seguridade de profesionais e persoas usuarias, ao evitar aglomeracións

A conselleira subliñou o papel fundamental deste servizo de cara a salvagardar os intereses e a protección dos menores a través da atención e mediación familiar

Santiago de Compostela, 11 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta de Galicia vén de ampliar a atención dos Puntos de Encontro Familiar (PEF) de catro a sete días da semana. A titular do departamento autonómico analizou a implantación desta medida cos representantes dos sete centros da rede pública galega emprazados nas principais urbes da comunidade durante unha reunión que mantiveron a través de videoconferencia.

Fabiola García explicou que a finalidade desta decisión do Goberno galego é aumentar o número de visitas que se realizan nestas instalacións, ao tempo que se garante a seguridade de profesionais e persoas usuarias. A ampliación dos horarios permitirá, así, evitar aglomeracións e cumprir todas as medidas de seguridade sen ter que reducir o servizo.

Protección dos menores

Os PEF teñen como principal obxectivo defender os intereses e a protección dos menores a través da atención e mediación en familias que están en situación de crise. Así, este servizo dá cumprimento ao réxime de visitas de familias en procesos de separación ou garante que as nenas e nenos tutelados pola Xunta de Galicia poidan manter o contacto coa súa familia biolóxica.

A conselleira de Política Social aproveitou o encontro para agradecer o traballo que realizan todos os profesionais deste servizo e recordar que o obxectivo do Goberno galego é seguir a estender a rede con máis puntos de encontro á disposición das familias galegas.

Imaxes relacionadas