A Xunta levará a cabo traballos de helimulching en 10 hectáreas da serra de San Mamede no concello ourensán de Vilar de Barrio

Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural ao rexedor municipal nunha xuntanza telemática

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática co alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, para abordar os traballos que se están realizando para recuperar de forma integral o ecosistema afectado polos incendios forestais. Así, José González adiantoulle ao rexedor que se actuará con traballos de helimulching en 10 hectáreas da serra de San Mamede, sita neste concello ourensán. Na xuntanza tamén estivo o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto.

Neste senso, o conselleiro trasladoulle que as actuacións programadas, en coordinación cos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, pasan primeiramente pola estabilización de emerxencia das zonas queimadas para frear a posible degradación do chan e reducir a erosión e a escorrentía. Ademais, mediante a técnica do helimulching -en zonas de grandes pendentes- vaise recuperar a cuberta vexetal dese terreo, favorecendo así a rexeneración natural da vexetación.

Doutra banda, José González lembroulle todas as actuacións posibles que se poden realizar ao abeiro do convenio de protección das aldeas, ao que está adherido este concello, e pediulle reforzar, na medida do posible, a prevención coa recuperación e posta en valor das terras agrarias. Neste senso, explicoulle os diferentes instrumentos de mobilización que ofrece este convenio, entre os que destacan as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural