A Xunta e o concello de Castrelo de Miño estudan a posibilidade de impulsar un instrumento de mobilización de terras

O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza telemática co rexedor para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, para analizar os posibles instrumentos de mobilización de terras máis acaídos neste municipio ourensán. Na xuntanza, tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.

Así, o conselleiro explicoulle ao rexedor os diferentes instrumentos de mobilización de terras que xa se están a poñer en marcha de xeito piloto e que terán especial implantación tras a aprobación da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.

Neste senso, José González trasladoulle a importancia de poñer en valor as terras en desuso para, primeiramente, previr os incendios forestais e, de paso, dinamizar esa zona coa xeración de riqueza e emprego. Con isto, o alcalde comunicoulle a súa intención de buscar unha zona axeitada para crear un posible polígono agroforestal dedicado ao cultivo de viñedo.