A Xunta desprázase dende mañá ás denominacións de orixe vitivinícolas para entregar os Premios das Catas de Galicia

Mentres, o día 19 na Cidade da Cultura entregaranse as distincións das augardentes e licores tradicionais canda os galardóns aos mellores viños tinto e branco, cumprindo estritamente as medidas sanitarias pola covid-19

Unha vintena de expertos foron os encargados de valorar en catas a cegas un total de 348 mostras de viño de 143 adegas e outras 25 amparadas polas indicacións xeográficas protexidas das augardentes e licores tradicionais

Con esta cita, a Consellería do Medio Rural busca a revalorización e a promoción destes produtos, elaborados principalmente con uvas de variedades autóctonas

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

A Xunta desprázase dende mañá ás sedes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas para poder entregar de xeito individualizado os premios das Catas de Galicia. A repartición de Acios e Potes farase así cumprindo de xeito estrito coas medidas sanitarias pola covid-19.

Deste xeito, representantes da Consellería do Medio Rural farán a súa primeira viaxe mañá ás 12,00 h., cando se desprazarán á denominación de orixe de Monterrei, mentres ás 17,00 h. estarán na do Ribeiro. O venres 13 ao mediodía será a quenda da DO Valdeorras, pola tarde a da Ribeira Sacra, e xa o luns 16, ás 12:00 h., farase a entrega de Acios á última denominación de orixe vitivinícola, a das Rías Baixas. Xa para rematar, o xoves 19 de novembro desvelarase na Cidade da Cultura de Santiago a identidade do mellor viño branco e do mellor viño tinto da nosa comunidade neste ano 2020, ao tempo que se entregarán os Potes desta edición ás mellores augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Cómpre destacar que os gañadores de cada categoría foron elixidos tras un rigoroso proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días -entre o 26 e 30 de outubro- por un total de 21 expertos, 14 deles encargados de valorar os viños e outros sete encomendados para as augardentes e licores tradicionais. Así, tras a criba inicial, este panel de profesionais tivo que escoller entre 348 mostras de tintos e brancos pertencentes a 143 adegas e entre outras 25 de augardente, licor de herbas ou licor café correspondentes a oito empresas galegas.

Cabe lembrar que, no que atinxe aos viños, se recolleron e identificaron as botellas participantes nas súas respectivas bodegas, envolvéndoas en material opaco e introducíndoas posteriormente nunha caixa selada para garantir que as catas fosen totalmente a cegas. Así, só quedaba visible o nome da categoría na que participaban e se se trataba de viño branco ou tinto.

Con respecto ás augardentes e aos licores tradicionais, recolléronse as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, para que tamén resultase imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

Apoio da Xunta

A través das Catas de Galicia, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores galegos, elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas.

Búscase así dar visibilidade a todos estes produtos dotados dunha personalidade e carácter únicos dentro e fóra de Galicia, grazas ao saber facer secular dos nosos bodegueiros e augardenteiros.

Imaxes relacionadas