Ethel Vázquez avanza que a vindeira semana a Xunta porá en servizo a modernización da potabilizadora de Pontedeume que garantirá a calidade da auga nas próximas décadas

Vázquez Mourelle explica que este mesmo xoves estarán rematadas as obras de instalación dunha cámara de mestura para optimizar os equipos da planta municipal e, seguidamente, procederase á instalación do novo equipamento

Destaca que a Xunta destina 1,5 M€ á emerxencia do río Eume e do abastecemento de Pontedeume, á que se suma o investimento de 8,5 M€ no colector do municipio e nas obras de saneamento en Cabanas

Resalta que a Xunta actuou con inmediatez e contundencia, apoiando ao Concello desde o primeiro momento, coa adopción de medidas necesarias para reducir a turbidez

Lembra que a Administración autonómica lle abriu expediente sancionador a empresa que xestiona o encoro, á que tamén lle repercutirá todos os gastos derivados da emerxencia

Defende a necesidade de constituír un ente de apoio aos concellos ante as súas dificultades contrastadas para xestionar os servizos e as infraestruturas hidráulicas
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a vindeira semana entrarán en servizo ao 100 % as obras de modernización que a Xunta de Galicia está a acometer na potabilizadora de Pontedeume e que permitirán garantir a calidade da auga nas próximas décadas.

Vázquez Mourelle explicou que este mesmo xoves quedará finalizada a instalación, na estación de tratamento de auga potable municipal, da cámara de mestura, previa ao actual tratamento, que está a executar Augas de Galicia para optimizar os equipos da planta municipal.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou que, coa declaración de emerxencia sobre o río Eume e o abastecemento de Pontedeume realizada o pasado día 13 de outubro pola Xunta cun investimento de 1,5 millóns de euros, se están a ultimar as obras para asegurar o abastecemento ao concello de Pontedeume e a calidade da auga no río.

Explicou que actuar na potabilizadora resultou ser a medida máis eficiente, rápida e eficaz para restablecer os parámetros da auga, polo que o Goberno galego destinou a maior parte do citado orzamento a paliar as limitacións de tratamento que se detectaron na planta municipal.

Salientou que ademais destas actuacións extraordinarias, a Xunta está a impulsar outras obras en materia de augas que beneficiarán ao municipio de Pontedeume, cun orzamento de 8,5 millóns de euros. Deste xeito a Xunta mobiliza un investimento autonómico de 10 millóns de euros en materia de augas que beneficiará aos veciños deste municipio.

Entre estas obras proxectadas, a conselleira citou a dotación dun novo colector en Pontedeume, así como a renovación do colector de Cabanas e a construción dun tanque de tormentas neste mesmo concello.

Inmediatez, responsabilidade e contundencia

A responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que o Goberno galego actuou con inmediatez, responsabilidade e contundencia, apoiando ao Concello desde o primeiro momento, coa adopción de medidas necesarias, tanto no río como na potabilizadora.

Precisou que se dispuxeron barreiras de contención no punto de captación do abastecemento no río para mitigar a turbidez e se aplicaron tratamentos físico-químicos na estación de tratamento para mellorar os parámetros da auga.

A estas intervencións, Augas de Galicia sumoulle a intensificación do seguimento da calidade da auga no río e no encoro con respecto ao control que se viña facendo. A raíz do episodio de turbidez, ampliouse o alcance das analíticas a 2 puntos no encoro e 5 no río.

Ethel Vázquez remarcou que o episodio non supuxo, en ningún momento, toxicidade na auga nin danos á fauna nin afección aos moluscos na ría, tal como confirman as análises técnicas das Consellerías de Medio Ambiente e do Mar, respectivamente.

A iniciativa da Xunta e co obxectivo de trasladar aos actores implicados toda a información sobre o episodio de turbidez nas augas do Eume, creouse unha Comisión de Seguimento, integrada por técnicos de Augas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e do Intecmar, a xestora do encoro, a concesionaria do abastecemento e os Concellos de Cabanas e Pontedeume.

Adiantou, ademais, que esta mesma semana se celebrará unha nova xuntanza desta Comisión para dar conta da evolución da situación e das actuacións executadas por Augas de Galicia.

A conselleira lembrou que o Executivo autonómico abriu unha investigación, desde o primeiro momento, á empresa xestora do encoro e incoou un expediente sancionador por incumprir os requirimentos efectuados por Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación.

Asegurou que, no marco do expediente aberto, a Xunta lle imporá á empresa que explota a presa a sanción que corresponda, en función da valoración dos danos ocasionados, e tamén lle repercutirá todos os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento.

Ente de xestión da auga

 Ethel Vázquez apuntou que as restricións no abastecemento que sufriron os veciños de Pontedeume evidenciaron a dificultade de moitos concellos para prestar axeitadamente os servizos da auga.

Neste sentido, a conselleira defendeu a constitución dunha sociedade pública de apoio aos municipios, unha “Sogama da auga”.

Trátase de pór á disposición dos municipios unha xestión máis profesional e especializada dos servizos de auga, ofrecerlles solucións para exercer as súas competencias e garantir tarifas igualitarias nestas prestacións.

Destacou que esta sociedade estaría participada maioritariamente pola Xunta e poderíanse adherir de forma voluntaria os concellos, coa implicación da correspondente deputación provincial.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na necesidade de facer unha reflexión sobre a correcta xestión dos servizos da auga por parte dos concellos e convidou ás distintas administracións a sumarse a esta iniciativa da Xunta para mellorar os servizos da auga que desde os concellos, que son os que teñen competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento, se lles presta aos cidadáns.
 

Imaxes relacionadas