A Xunta executa obras de reforma e incremento da eficiencia enerxética no colexio de Friol, nas que inviste 665.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que o centro disporá de novos servizos e maior confort, ao tempo que reducirá o consumo e as emisións contaminantes

Friol (Lugo), 10 de novembro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe a Friol para comprobar as obras de reforma que se están levando a cabo no Centro Público Integrado (CPI) Doutor López Suárez.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 665.000 euros aos traballos no colexio, que contemplan reformas interiores como a redistribución da zona de oficinas, a habilitación dunha sala para reunións coas familias ou a ampliación da área de almacenaxe da biblioteca. Tamén se instalan falsos teitos, púlese o pavimento, substitúense portas e píntanse os paramentos, entre outras tarefas.

No que atinxe á mellora da eficiencia enerxética, procédese á substitución de chapa de cuberta por panel sandwich con illamento intermedio de poliuretano no edificio 1, así como o illamento polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS, nos edificios 1 e 2. Igualmente, colócanse novas fiestras con carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e persianas con illante térmico. Cámbianse as luminarias dos dous edificios por equipos LED con regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns.

A maiores, mellórase a accesibilidade a través da construción de dúas ramplas, unha en cada un dos accesos á planta baixa do edificio 2.

Arias sinalou que as obras teñen un prazo máximo de execución de tres meses, e desenvólvense de xeito que non interfiran no normal desenvolvemento da actividade lectiva.

O delegado destacou que a Consellería continúa modernizando os centros públicos, mellorando as dotacións e o confort para a comunidade educativa, e avanzando no eido da sustentabilidade ambiental, con edificios que reducen o consumo e as emisións contaminantes.

Imaxes relacionadas