O vicepresidente económico, Francisco Conde, reuniuse hoxe con representantes do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal)

Conde garante que a economía social se impulsará en Galicia a través da futura Lei de reactivación

Asegura que falar de resiliencia e de crecemento sólido e sustentable implica apostar pola economía social e identificar novas oportunidades sectoriais para a consolidación en Galicia de empresas deste ámbito

Subliña que a economía social non só contribúe a ampliar o tecido empresarial galego, con especial incidencia no medio rural; senón, tamén, á creación de emprego de calidade e inclusivo

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe que a economía social estará presente na futura Lei de reactivación económica de Galicia para consolidar, así, un crecemento social, inclusivo e igualitario. Así llo trasladou ao presidente do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), Celso Gándara, nunha xuntanza que ambos os dous mantiveron esta mañá.

O vicepresidente económico tamén subliñou que, entre os proxectos que Galicia vai presentar aos fondos europeos Next Generation, primaranse aquelas iniciativas encamiñadas a promover o emprendemento e a consolidación de empresas neste sector porque iso non só contribúe a ampliar o tecido empresarial galego, con especial incidencia no medio rural; senón, tamén, á creación de emprego de calidade e inclusivo.

Segundo dixo, falar de resiliencia e de crecemento sólido e sustentable implica apostar pola economía social e identificar novas oportunidades sectoriais para a consolidación en Galicia de empresas deste ámbito. Nese sentido, apuntou que un dos cometidos da Lei de reactivación económica será o de formular distintas medidas de apoio para impulsar proxectos empresariais neste sector.

A economía social está adquirindo unha presenza cada vez máis consolidada no panorama económico e social de Galicia, onde hai case 4800 entidades que operan neste ámbito, con máis de 24.900 persoas traballadoras e máis de 74.100 socias, comuneiras ou mutualistas. En total son 100.000 persoas as que están vinculadas a este sector na comunidade; unha actividade que representa o 7 por cento do PIB.

Galicia foi a primeira comunidade en aprobar unha Lei de economía social en 2016 e, desde entón, o orzamento da Xunta asignado ao sector incrementouse máis dun 80%, ata os 27,1 millóns de euros. Isto favoreceu que se constituíran 450 novas empresas nos últimos catro anos, das que 276 son cooperativas.

O Foro pola Economía Social Galega fundouse en 2018 e agrupa ás cinco principais entidades: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) e á Unión de Cooperativas Galegas (Espazo Coop).

Imaxes relacionadas