A futura Lei de pesca será o terceiro piar do marco normativo galego para protexer e conservar o patrimonio natural de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente interviu no debate á totalidade desta lei, que -xunto coa de Benestar Animal e de Patrimonio Natural- será a base para defender e acadar unha Galicia verde e azul para as vindeiras xeracións

Ángeles Vázquez recorda que este texto normativo -que agora inicia a súa tramitación parlamentaria- aposta por impulsar o relevo xeracional e un modelo de pesca sostible capaz de xerar emprego e riqueza no rural

Unha das novidades que recolle o texto é a creación das Escolas de río que, xunto co fomento da formación e da educación nesta materia, será a medida de referencia para incentivar e implicar aos máis novos nesta modalidade deportiva
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que a futura Lei de pesca está chamado a ser o terceiro piar do marco normativo da Comunidade galega para velar pola protección e conservación do patrimonio natural de Galicia. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención no debate á totalidade desta Lei que, xunto coa Lei de benestar animal e de patrimonio natural, será a base para defender e acadar unha Galicia verde e azul para as vindeiras xeracións.

Lembrou que a nova Lei de pesca, que agora inicia a súa tramitación parlamentaria, vén a substituír a actual norma (Lei 7/1992) con case 30 anos de vixencia e pon o foco na necesidade de achegar aos máis novos a esta modalidade deportiva, para avanzar no relevo xeracional.

Nese sentido, co fin de fomentar a participación das xeracións máis novas, a Lei prevé a creación de Escolas de río, coas que se pretende implicar e educar aos mais pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. “É unha medida que está a recoller éxitos noutras comunidades autónomas, como Castela e León”, sinalou a conselleira. Asemade, as actividades formativas e de educación nesta materia facilitarán incrementar e mellorar o coñecemento, por parte da sociedade, dos aspectos ambientais, sociais e económicos ligados á pesca; así como pola conservación e o mantemento dos cursos fluviais para facilitar unhas óptimas condicións para a pesca.

Outras medidas para afianzar o relevo xeracional que se prevén no texto normativo é que os rapaces de ata 14 anos poderán practicar a pesca sen expedir a correspondente licenza, e todos os menores de idade quedarán exentos do pago das correspondentes taxas de obtención de licenza, gozando así mesmo de gratuidade nos permisos para a práctica da pesca sostible.

Ángeles Vázquez salientou que a través desta lei tamén se quere dar unha protección especial ás técnicas tradicionais de pesca, xa que son representativas da cultura e da forma de vida tradicional galega. Destacou as pesqueiras do río Ulla, as estacadas do río Tea para a pesca da lamprea ou os caneiros de Portomarín, unhas técnicas que non deben perderse, polo que é preciso garantir a súa transmisión, promoción e posta en valor, e que tamén representan un reclamo para potenciar o turismo sostible, ligado á práctica da pesca, polo que esta actividade é tamén un motor de desenvolvemento turístico, económico e social no medio rural.

En definitiva, o obxectivo do Goberno galego é que a pesca siga a ser unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente, para que os ríos galegos sigan a ser fonte de vida e unha bandeira a nivel natural, medio ambiental e paisaxístico.
 

Imaxes relacionadas