A Xunta e o Concello da Mezquita colaboran na mellora da prevención de incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural mantivo unha videoconferencia co rexedor para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe unha xuntanza telemática co alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán relacionadas co agro. Neste senso, José González animou ao rexedor a adherirse ao convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga en materia de prevención de incendios.

Así, o titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, explicoulle as distintas posibilidades que ofrece este convenio, máis aló da xestión de biomasa nas faixas máis próximas ás vivendas. Neste senso, lembroulle a posibilidade de crear algunha aldea modelo que lle permita, ademais de protexer aos núcleos poboacionais, poñer en marcha actividade agropecuaria e recuperar así terras en desuso.

Nesta liña, o conselleiro trasladoulle a importancia de apostar por algún instrumento de mobilización de terras, co fin de dinamizar o agro e ofrecer distintas alternativas viables que xeren riqueza e fixen poboación. Sobre isto, José González adiantoulle que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria poderanse desenvolver os polígonos agroforestais e outros instrumentos que permitan recuperar o potencial agropecuario do rural galego que, no caso da Mezquita, pasa pola mobilización de terras para cereal, gandaría extensiva e soutos de castañas.

Noutra orde de cousas, pero tamén vencellado á prevención de incendios, ambos dirixentes analizaron as infraestruturas forestais. Así, o titular de Medio Rural avanzoulle que no plan de traballo da Consellería está previsto a creación dun novo punto de auga neste municipio, así como o acondicionamento dos existentes, que permitan a adecuada carga dos vehículos motobombas, co fin de facilitar os traballos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais e das propias brigadas municipais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural