A Xunta tramita a inscrición do monte 'Carballeira de Pena Boeira' no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

Trátase dun monte sito no concello ourensán de Castrelo de Val e de titularidade da comunidade de Gondulfes e Marbán

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de información pública deste expediente de inscrición no devandito rexistro

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses, que computarán a partir de mañá

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte “Carballeira de Pena Boeira”, sito no concello ourensán de Castrelo de Val e de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gondulfes e Marbán.

Este monte está clasificado como veciñal en man común desde 1973 e conta cun instrumento de ordenación desde 2019. A superficie ordenada total do monte é de 498,72 hectáreas e conta cunha formación de cerqueiro (Quercus pyrenaica) acompañada por piñeiro silvestre (Pinus sylvestris), salgueiros (Salix spp) e bidueiros (Betula spp) como especies secundarias. Esa masa, que foi a que se incluíu neste expediente, abrangue un total de 35,58 ha do monte veciñal, nun único couto redondo.

Con todo, a partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 40 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 3.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Departamento:
C. do Medio Rural