A Xunta e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil colaboran para recuperar os terreos afectados polo lume no concello ourensán de Lobios

No encontro tratáronse os labores previstos para rexenerar as zonas afectadas polo incendio rexistrado en setembro na parroquia de Río Caldo, dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

En concreto, a Consellería do Medio Rural comezará a levar a cabo esta semana traballos de helimulching en máis de 80 hectáreas, para paliar a erosión do solo

Mentres, a CHMS traballará durante dous meses na protección das escorrentías aos ríos e regatos
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2020

A Xunta e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) colaboran para minorar os efectos do lume nas zonas afectadas polo incendio que se rexistrou en setembro na parroquia de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. En concreto, a Consellería do Medio Rural comezará esta mesma semana traballos de helimulching nun total de 80,90 hectáreas, para paliar a erosión do solo e evitar a escorrentía en terreos cunha importante pendente.

Así o destacou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, que esta mañá se reuniu por videoconferencia co comisario de augas adxunto da CHMS, Alberto de Anta Montero, así como con outros representantes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e de Medio Rural, incluída Cristina Fernández Filgueira, técnica do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, con quen se están a coordinar os labores que leva a cabo a Xunta.

Así, segundo apuntou Tomás Fernández-Couto, os traballos da Consellería do Medio Rural iniciaranse esta mesma semana. O obxectivo é minorar as perdas de solo por mor da erosión a causa do lume que se iniciou na parroquia de Río Caldo, en Lobios, o pasado setembro e que acabou afectando 2.000 hectáreas. Deste xeito, as tarefas da Xunta pasarán polo helimulchig en zonas de importante pendente para crear unha cuberta protectora do solo empregando materias como palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente), para evitar non só a erosión senón tamén a escorrentía. Levaranse a cabo unha vez as condicións meteorolóxicas permitan a actuación dun helicóptero na zona, circunstancia que non foi posible a semana pasada.

Pola súa banda, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estase a centrar en minimizar ou paliar o dano ambiental que pode causar a chegada de escorrentías con cinzas aos ríos e regatos, así como en reducir os riscos de inundación nas poboacións existentes na zona. Desde xeito, xa comezaron a colocar faxinas de ramas suxeitas con rollizos de madeira queimada aliñadas coas curvas de nivel para reducir a velocidade da auga e os arrastres, así como a construír albarradas con madeira ou pedras nos torrentes para reter as cinzas e sedimentos. Asemade, estanse a realizar rozas, talas selectivas e retirada de madeira dos cauces para reducir a presenza de obstáculos e aumentar a capacidade hidráulica fronte a avenidas.

Cómpre lembrar que a finais do mes de setembro as consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda constituíron unha comisión de traballo conxunta para poñer en marcha un plan de rexeneración específico para a zona do Parque Natural máis afectada polos incendios forestais. Entre as medidas previstas contémplanse tanto actuacións inmediatas para evitar a erosión e o arrastre de terra queimada, como outras a medio e longo prazo, propiciando así a rexeneración natural destas zonas e o control sobre a aparición de especies exóticas.

O director xeral de Defensa do Monte quixo poñer de relevo que Galicia foi pioneira aplicando dende 2010 traballos de helimulching e mulching manual, sendo a única rexión de Europa que estaba a empregar estes recursos e que, a día de hoxe, están sendo un referente para outras comunidades e países. Nesa liña, o monitoreo dos resultados que se realiza todos os anos para avaliar a eficacias destes tratamentos revela uns altísimos índices de eficacia, o que dá mostra do axeitado deseño técnico das actuacións.
 

Imaxes relacionadas