Un total de 11 empresas presentan as súas ofertas para a redacción do proxecto construtivo da nova captación no río Deza para o abastecemento ao concello de Lalín

Este contrato, licitado por un importe de máis de 67.000 euros, conta cun prazo de execución de seis meses

Partirase do estudo de viabilidade realizado por Augas de Galicia sobre as dúas propostas realizadas polo Concello, para definir a nova captación augas arriba da praia fluvial de Vilatuxe

Analizaranse as distintas alternativas de trazado e redactaranse os documentos necesarios para a tramitación ambiental e as consultas a outras administracións

Definirase o detalle do proxecto construtivo, a través da memoria, planos, pregos e orzamento, necesarios para poder licitar as obras

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2020

Un total de once empresas presentan as súas ofertas para a redacción do proxecto construtivo da nova captación no río Deza para o abastecemento ao concello de Lalín.

O contrato, licitado por un importe de máis de 67.000 euros, conta cun prazo de execución de seis meses

Esta actuación ten como obxectivo a mellora do sistema de abastecemento desta localidade pontevedresa e enmárcase na liña de colaboración da Xunta nesta materia de competencia municipal.

Trátase de dar resposta á solicitude realizada polo Concello de Lalín a Augas de Galicia, para o estudo, proxecto e construción dunha nova captación no río Deza. Para iso, a entidade local propuxo dúas posibles localizacións: unha augas arriba da praia fluvial de Vilatuxe e a outra moi preto do nacemento do río, aproveitando un represa existente na “fábrica de luz”, central hidroeléctrica abandonada e en desuso.

Augas de Galicia redactou un estudo de viabilidade dunha nova captación no río Deza para mellorar o sistema de abastecemento a Lalín, no que se analizaron as dúas opcións propostas desde o Concello, concluíndo como opción máis viable a opción augas arriba da praia fluvial de Vilatuxe.

Mediante este contrato proponse a redacción do proxecto construtivo dunha nova captación en Vilatuxe, no que se inclúen os traballos de análise da calidade da auga, da topografía existente e da dispoñibilidade dos terreos para reforzar a idoneidade da alternativa elixida.

Para a definición a nivel construtivo desta opción, estudaranse as distintas alternativas de trazado procedendo, a continuación, á redacción do anteproxecto, que inclúe os documentos necesarios para levar a cabo as tramitacións ambientais, as consultas a outras administracións e, no caso de seren necesarias, as expropiacións.

Finalmente, redactarase o proxecto construtivo, que incluirá todo o detalle da información incluída nos traballos, a través da memoria, planos, pregos e orzamento, que será a necesaria para poder licitar as obras.


Antecedentes

O concello de Lalín dispón dun sistema de abastecemento de auga potable que se alimenta mediante bombeo e impulsión en dúas captacións con represa no río Asneiro, afluente do río Deza, tributario do río Ulla, que desemboca na ría de Arousa.

A captación máis antiga está situada nas proximidades do polígono industrial de Botos e a máis recente está situada augas arriba, na parroquia de Catasós, no lugar coñecido como “Pozo Negro”.

Desde estas dúas captacións bombéase o recurso bruto ata unha estación de tratamento de auga potable deseñada cunha capacidade de tratamento de 250 m³/ h situada na zona alta do núcleo urbano de Lalín, onde se potabiliza e almacena o recurso tratado nun depósito regulador de cabeceira de 4000 m3 de capacidade. Dese depósito parte a rede xeral de distribución que serve á poboación e á actividade industrial e agropecuaria do municipio, mediante unha extensa rede mallada e ramificada, que conta con outros depósitos de almacenamento: o depósito de cola do polígono industrial Lalín 2000 -de 400 m3 de capacidade-; o depósito elevado de Lagazós -de 1500 m³-; ou o de Vilatuxe -de 450 m3-, entre outros.

O Concello de Lalín vén trasladando a Augas de Galicia a necesidade de mellorar a prestación do servizo de abastecemento de auga potable, derivada da escaseza do recurso en tempo seco.