Medio Ambiente felicita a Porto do Son por converterse no primeiro concello da provincia en lucir a Bandeira Verde de Galicia

Trátase dun dos primeiros concellos galegos, xunto con Moaña, en acceder a este distintivo que ten como obxectivo recoñecer e premiar a aqueles municipios que destaquen polas súas boas prácticas na protección paisaxística e ambiental

Ángeles Vázquez recorda que a obtención desta bandeira constituirá un mérito para a obtención dalgunhas subvencións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural

A conselleira de Medio Ambiente salienta que Galicia é pioneira ao ser unha das primeiras rexións en crear un distintivo destas características e promovido por unha administración

Porto do Son (A Coruña), 9 de novembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou esta mañá ao Concello de Porto do Son a Bandeira Verde de Galicia, polo que se converte no primeiro concello da provincia da Coruña en ondear este distintivo. Ademais, xunto con Moaña, convértese nun dos primeiros concellos galegos en recibir os primeiros distintivos, promovidos pola Xunta de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo entrega esta mañá desta bandeira ao rexedor municipal, José Luís Oujo, que recoñece o esforzo das administracións locais comprometidas coa protección da paisaxe e do medio ambiente.

Nese sentido, Vázquez Mejuto salientou que o xurado valorou o traballo de Porto do Son en catro ámbitos de actuación: a protección da paisaxe, o cambio climático e a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e as accións de sensibilización e comunicación; polo que se ten en conta a aposta deste municipio co desenvolvemento de boas prácticas no coidado da contorna, o respecto pola paisaxe, a redución das emisións de CO2, o fomento dunha correcta xestión do lixo e de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, como xardíns, praias, espazos etnográficos, etc, así como a posta en valor de monumentos naturais, a educación ambiental ou a redución do consumo enerxético.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que unha das vantaxes da concesión deste distintivo é o Concello de Moaña contará cun mérito máis aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Recordou que Galicia é unha rexión pioneira ao ser a primeira Comunidade Autónoma de España en crear un distintivo con estas características; aclarou que -se ben é certo que existen iniciativas similares- estas están promovidas por entidades privadas. Coa convocatoria realizada este ano, a primeira, a Xunta establece unha política pública coa que dar exemplo para avanzar no obxectivo común de conseguir unha Galicia verde e sostible.

Imaxes relacionadas