A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA)

A Xunta denuncia o roubo de berberecho dun proxecto de investigación relacionado co parasito ‘Marteilia’

O Executivo galego puxo en coñecemento da Garda Civil a desaparición de arredor de 5.200 individuos desta especie que estaban nunha batea instalada na ría de Arousa entre os que había un lote de exemplares de segunda xeración potencialmente resistentes ao parasito

Entre o recurso subtraído tamén había dous lotes de individuos híbridos de berberecho común e birollo, a primeira produción en criadeiro deste tipo no mundo e que estaba a dar bos resultados de supervivencia á enfermidade

O suceso supón perder máis de dous anos de traballo na súa cría ao abeiro do proxecto ‘Croquedous’, que ten como obxectivo buscar estirpes resistentes á ‘marteilia’ para mellorar a produción de berberecho en Galicia

Este é o segundo roubo que afecta á investigación tralo acontecido en decembro de 2016 e provoca a finalización desta liña de traballo, a perda de información valiosa e a busca de alternativas para seguir avanzando

A titular de Mar lamentou que este feito supón un importante atranco no obxectivo de mellorar tanto a produción de berberecho na comunidade como a economía dos milleiros de persoas que dependen da extracción deste molusco

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 9 de novembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) onde informou de que o seu departamento vén de denunciar ante a Garda Civil o roubo de arredor de 5.200 individuos de berberecho que pertencían a un proxecto de investigación deste centro que tiña como obxectivo a obtención de estirpes resistentes ao parasito Marteilia cochillia mediante engorde en batea de semente producida en criadeiro. A titular de Mar lamentou a gravidade do suceso pois é o segundo destas características –tras outro acontecido en decembro de 2016- que afecta a esta investigación e supón tanto unha perda valiosa de información como dos resultados que se obterían co estudo deses exemplares.

O roubo, que se produciu hai uns días nunha batea instalada na ría de Arousa, supuxo a perda de tres lotes de berberecho entre os que destaca un deles formado por individuos de segunda xeración que sobreviviron na zona -ao igual que os seus proxenitores- a pesar da posible presenza de marteilia, polo que eran potencialmente resistentes ao parasito. Estes exemplares ían ser empregados tanto para crear unha terceira xeración no marco do programa de selección como para sometelos a un novo episodio de marteilia para probar a súa resistencia.

Os outros dous lotes estaban compostos por exemplares híbridos das familias do berberecho común (Cerastoderma edule) e do berberecho birollo (Cerastoderma glaucum) para avaliar a súa resistencia ao parasito. Trátase do único caso no mundo de produción en criadeiro de híbridos entre estas dúas especies e os resultados estaban mostrando unha supervivencia alta.

A representante do Executivo galego salientou que este contratempo supón perder os máis de dous anos de traballo empregados na cría destes exemplares e poñer fin a esta liña de investigación que ía encamiñada á busca de estirpes resistentes á marteilia para mellorar a produción de berberecho nos bancos marisqueiros de Galicia. Por iso, a Consellería do Mar condena este incidente que interrompe o desenvolvemento normal do proxecto e supón unha perda de información de gran valor no eido da investigación relacionada coa resistencia do berberecho ao parasito Marteilia cochillia ao tempo que obriga a buscar novas liñas de traballo neste eido.

O proxecto de investigación, denominado Engorde en batea de semente de berberecho producida en criadoiro. Mellora da metodoloxía de cultivo, Croquedous, empezou a desenvolverse en xaneiro de 2019 como continuidade da acción de investigación Posta a punto das técnicas de cultivo en criadeiro das especies do xénero Cerastoderma de Galicia (berberecho ou croque e berberecho verde ou birollo) -Croque- e tiña prevista a súa data de finalización en decembro de 2020. Os seus obxectivos en criadeiro eran optimizar as técnicas de maduración artificial e mellorar as de cultivo larvario ao tempo que mellorar a indución das postas así como o control e sincronización de cruzamentos entre machos e femias.

Rosa Quintana aclarou que os feitos xa foron denunciados pola Xunta ante a Garda Civil para que investigue o ocorrido e apelou á colaboración cidadá para tratar de clarexar un roubo que supón un importante atranco para un traballo científico transcendental para mellorar tanto a produción de berberecho en Galicia como a economía dos milleiros de persoas que dependen da extracción deste molusco na comunidade.

A ‘marteilia’

A marteilia é un parasito que afecta aos moluscos bivalvos contribuíndo á súa debilitación, pero resulta absolutamente inocuo para o ser humano. A afectación ás poboacións de berberecho é obxecto dun intenso control do Intecmar e é amplamente estudado no CIMA. De feito, desde que apareceu este parasito no berberecho no ano 2012 o Intecmar redobrou as mostraxes e procesos analíticos nas poboacións deste recurso e o CIMA está a realizar estudos para analizar os aspectos relacionados coa súa transmisión entre moluscos bivalvos.

Imaxes relacionadas