A Xunta remata este mes as formacións en liña para mellorar a adaptación á covid-19 das vivendas de uso turístico

Os propietarios que acceden a esta formación teñen a opción de acreditala mediante un exame que lles permite acceder a un certificado de aproveitamento

Máis de 250 propietarios de esta tipoloxía de aloxamentos interesáronse por esta formación que comezou en outubro
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2020

A próxima semana rematan as formacións en liña para propietarios de Vivendas de Uso Turístico (VUTs) que se veñen organizando desde outubro por parte da Xunta, a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia, co obxectivo de mellorar a súa formación e resposta fronte aos retos que supón para o sector turístico á covid-19.

Os derradeiros seminarios celebraranse os días 10 e 12 de novembro, con dúas sesións de formación diarias. Ao remate destas dúas xornadas teranse completado un total de 42 webinars impartidos, cos que o goberno galego busca dotar aos propietarios de VUTs de ferramentas que melloren a viabilidade económica desta tipoloxía de aloxamentos ao tempo que se lles incide na necesidade de traballar arreo e de xeito conxunto na construción de Galicia como destino turístico seguro.

Formación e certificación

Máis de 250 propietarios deste tipo de aloxamentos manifestaron o seu interese por esta iniciativa e deles preto dun cento a acreditaron mediante a realización dun exame elaborado por Turismo de Galicia que lles permite obter un certificado de aproveitamento da formación que logo poden poñer en valor nas súas ofertas de alugueiro.

A formación ofrecida está baseada no “Manual para as vivendas de uso turístico ante a covid-19” publicada pola Xunta. O contido do seminario complétase, ademais, cun repaso das obrigas dos propietarios respecto dos viaxeiros que se aloxan nestas vivendas.

Baixo o título “Recomendacións das medidas hixiénico/sanitarias ante a covid-19 para as Vivendas de Uso Turístico”, os propietarios debidamente inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) poderán acceder de balde ao seminarios, só teñen que inscribirse a través do enlace: https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/formacion/cursos-de-formacion-sectorial

 

Imaxes relacionadas